A UDC liderou a clasificación por universidades, seguida da Universidade de Santiago (2ª) e a Universidade de Vigo (3ª).
A Universidade da Coruña proclámase vencedora do Campionato Universitario de Vela Xunta de Galicia, celebrado no Centro Galego de Vela de Vilagarcía de Arousa, nunha xornada de gran nivel competitivo na clase Elliot.
No plano deportivo, destacou de maneira especial o barco vencedor da regata, tripulado por Mariano Stinga González, Enrique Lagos Molins e Irene Rodríguez Rey. A boa dinámica do equipo confirmouse coa segunda posición de Marta Torres Gestal, Fernando Núñez Talín e Pablo Rodríguez Trillo, reforzando o liderado global da Universidade da Coruña no campionato.
Ademais, a UDC contou tamén coa participación doutras dúas embarcacións, evidenciando unha representación ampla e competitiva por parte da institución. A competición contou coa participación de sete embarcacións, catro delas da UDC; dúas a UVigo e unha da USC, compostas cada unha por 4 tripulantes.
A nivel de clasificación por universidades, a xornada pechouse coa Universidade da Coruña en 1ª posición, seguida da Universidade de Santiago (2ª) e da Universidade de Vigo (3ª). Os participantes da UDC representarán así a Galicia nos Campionatos de España de Vela, que se celebraran este ano na Universidade de Cádiz.
Os Campionatos Deportivos Universitarios Xunta de Galicia
As tres universidades públicas de Galicia únense anualmente na organización dos Campionatos Deportivos Universitarios Xunta de Galicia, un evento cuxa sede vaise rotando entre as tres institucións académicas e co que se promoven os valores do deporte, a convivencia, e o espírito competitivo saudable entre a comunidade universitaria.
Nesta edición, o estudantado está a competir en diversas disciplinas, desde deportes colectivos como fútbol, rugby, baloncesto, voleibol e balonmán, ata modalidades individuais e ao aire libre como natación, vela e orientación. Cada unha delas é organizada por unha das tres universidades, correspondendo este ano ás de auga -natación e vela- á UDC.
A vindeira semana terán lugar o Campionato Universitario de Orientación Xunta de Galicia, organizado pola Universidade de Vigo no Parque das Esculturas do Campus de Pontevedra.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.




