‘Mar’ aborda coas confrarías a posible apertura do libre marisqueo na ría de Ares-Betanzos

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo esta semana unha reunión con representantes das confrarías da ría de Ares-Betanzos para analizar a solicitude de apertura do libre marisqueo nesta zona, especialmente no ámbito de Sada, e avaliar de forma conxunta a situación actual do recurso.

Reunión Ría Ares-Betanzos- Xunta de Galicia

Durante o encontro, a Consellería do Mar trasladou ao sector que, con carácter previo a calquera autorización, realizaranse mostraxes técnicas nos bancos marisqueiros co obxectivo de comprobar o estado do recurso e descartar posibles afeccións derivadas da elevada pluviosidade rexistrada nas últimas semanas. Estes traballos permitirán verificar a existencia de marisco en talla comercial e analizar a súa situación sanitaria.

A responsable autonómica explicou que as mostraxes se realizarán no marco do procedemento habitual, coa avaliación por parte do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) respecto á ausencia de biotoxinas, contaminación microbiolóxica e outros parámetros necesarios para autorizar a actividade extractiva.

Desde a Consellería indicouse que, se os resultados das mostraxes son favorables, estudarase a posibilidade dunha apertura limitada no tempo, sempre que o estado do recurso así o permita. En todo caso, esta decisión queda posposta ata dispoñer dos datos técnicos obxectivos.

No encontro participaron representantes das confrarías de Sada, Pontedeume, Ferrol e Barallobre. A Xunta reiterou a súa vontade de diálogo e colaboración co sector e avanzou que, unha vez que se dispoña dos resultados das mostraxes, convocarase unha nova reunión, previsiblemente a vindeira semana, para informar das conclusións e, no seu caso, organizar a apertura do libre marisqueo.

Lea también

El personal de Prosegur en Navantia no descarta movilizarse si no se le abona el plus de astillero

El personal de Prosegur que presta el servicio de vigilancia en los astilleros de Navantia …