O deporte será, coma en anteriores anos, unha ferramenta para conmemorar simbolicamente o Día Internacional da Muller que se celebra cada 8M en Ares. O Concello aposta de novo polo impulso de ‘Camiña pola Igualdade’, unha andaina reivindicativa que se vén de presentar no consistorio aresán prevista para o 9 de marzo, mais cun proceso de reserva previo que arranca esta mesma tarde.
Ao acto de presentación no que se debullaron os principais detalles da nova edición, acudiron a concelleira de Igualdade, Victoria Montenegro, xunto coas súas compañeiras no equipo de goberno, Lucía Blanco e Olimpia Marcos; Laura Toimil e Dolores Castro, directora e avogada do CIM de Ares; o técnico municipal de Deportes Javier Sánchez e os representantes das entidades colaboradoras, coa asistencia das directoras María Calvo, por parte do CPI As Mirandas, e Carmen Río, do IES de Mugardos, amais de Alberto Pérez e Carlos Treviño, da asociación BimAres.
“Neste ano agradecemos especialmente a involucración dos centros educativos para sumarse á nosa andaina, sabendo que é esencial que a mocidade se comprometa na loita contra a violencia de xénero e teña un espazo de reivindicación da igualdade entre homes e mulleres”, salientou na presentación Victoria Montenegro, que tamén puxo en valor “o traballo de coordinación e o papel de BimAres”, ao contribuír no deseño do percorrido da andaina e axudar na súa materalización, xunto co voluntariado de Protección Civil e Policía Local.
‘Camiña pola Igualdade’ constará de dous itinerarios distintos en función do perfil do participante.
O máis longo arrancará ás 10:15 horas dende o CPI As Mirandas e percorrerá a costa aresá a través dos camiños de sendeirismo municipais durante 6 quilómetros. Será neste roteiro onde participarán os escolares de 1o e 2o da ESO dos centros educativos aresán e mugardés.
O segundo itinerario (12:00 h.) manterá un carácter accesible, ao realizarse dende a Ponte da Ciscada polo paseo marítimo baixo un percorrido aproximado de 1 quilómetro e dificultade baixa.
As dúas rutas guiadas rematarán confluíndo e chegarán xuntas á Praza da Constitución, onde se centraliza toda a actividade organizativa, e alí se lerá o manifesto a prol da igualdade de xénero e a conquista de dereitos para as mulleres.
INSCRICIÓNS VÍA TELEMÁTICA PARA A VECIÑANZA
Todo veciño que o desexe poderá sumarse a Camiña pola Igualdade de xeito gratuíto.
Só se precisará, por motivos organizativos, inscribirse previamente a través do formulario que se atopará na web institucional, www.concellodeares.gal até o 3 de marzo ás 15:00 horas, abrirase a posibilidade de reservar prazas. Non dubides en camiñar a prol dunha sociedade máis xusta!
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

