Un total de 420 artesás dos bolillos participaron na XX Xuntanza de Palilleiras de Neda. A cita, que organiza a Asociación Filigrana, en colaboración co Concello, pretende poñer en valor o traballo que realizan estas mulleres, buscando que a tradición non se perda. Entre as novidades desta edición especial, a exposición de traballos da especialista en debuxo con encaixe Ana Rosa Lista.
O alcalde de Neda, Ángel Álvariño, achegábase ao pavillón municipal Ale de Paz para dar a benvida, acompañado pola presidenta da asociación, Ángeles Rodríguez, por outros integrantes do goberno local, ás participantes do encontro. Representantes de medio cento de asociacións e agrupacións de palilleiras das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra están presentes na xornada, desfrutando desta afección común.
Desta volta, co obxectivo de celebrar o 20 aniversario da xuntanza, a asociación contou ademáis cunha exposición especial da mestra, deseñadora e restauradora Ana Rosa Lista.
O escudo de Galicia, a catedral de Santiago, a tradicional vieira dos peregrinos, a máscara dun peliqueiro son algunhas das pezas artesanais, realizadas por esta destacada profesional amesá, responsable de Casa Escuela Obradoiro de Ana Rosa, que forman parte da mostra.
O público puido achegarse pola tarde para ver en directo a habilidade co bolillo destas mulleres-a presenza de homes encaixeiros segue sendo a excepción – e comprobar a calidade dos seus labores ou facer un percorrido polos numerosos postos de exhibición e venda, vencellados ao sector e chegados dende distintos puntos de España, que acompañan ás palilleiras nesta xuntanza, na que non faltará o habitual sorteo de agasallos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.



