A UDC e Gabadi crean unha cátedra para impulsar a formación e investigación especializada en habilitación e interiorismo naval

A Universidade da Coruña e a empresa Gabadi, con sede en Narón, únense para crear a Cátedra Gabadi-UDC. Unha alianza coa que institución académica e empresa buscan tres obxectivos estratéxicos: posicionar a Galicia como
referente na habilitación de mega iates e cruceiros e fortalecer o nivel formativo da rexión neste eido; impulsar a innovación e transferencia en interiorismo naval e establecer unha rede estable entre universidade e empresas do sector marítimo.

Así quedou reflectido no acordo asinado este venres entre o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o CEO de Gabadi, Antonio José Llago Hermida, nun acto de firma celebrado no Campus Industrial de Ferrol. Un acto que contou tamén coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, y el director do Campus Industrial, Marcos Míguez e a delegada territorial de Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros. Este acto serviu de homenaxe a Avelino Llago, fundador da empresa Gabadi e que dá nome á Cátedra.

Foron moitas as autoridades, membros da UDC e empresarios, asistentes ao acto, entre elas o Almirante Xefe do Arsenal Militar, VA Vicente Rubio Bolívar; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros Barros;  a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; o tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera; e o almirante Ignacio Frutos Ruiz.

No marco da Cátedra promoveranse actividades de formación relacionadas coa habilitación naval de alta gama, desenvolvendo programas formativos orientados á habilitación de mega iates e cruceiros, integrando deseño,
sustentabilidade e normativa internacional.
Contribuirase así mesmo á formación práctica do estudantado mediante practicas curriculares e extracurriculares en diferentes proxectos reais de habilitación naval. Tamén se promoverán premios e concursos para o talento mozo.

Outro dos eidos de traballo desta cátedra será o fomento da innovación aplicada ao sector naval mediante proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación de materiais. Impulsarase tamén a presenza en feiras e encontros de carácter internacional co fin de posicionar a Galicia neste sector.

Para o reitor da UDC, Ricardo Cao, esta cátedra supón “un paso máis na estratexia da Universidade da Coruña por reforzar a colaboración coa contorna produtiva e contribuír activamente ao desenvolvemento económico e industrial de Galicia”.

A colaboración con Gabadi, empresa naronesa con forte implantación internacional “reforza o papel da UDC como axente de transferencia de coñecemento e motor de talento cualificado, neste caso da man dun referente nun sector con grande proxección de futuro”.

Pola súa banda, o CEO de Gabadi, Antonio José Llago Hermida, destacou que “esta colaboración coa Universidade da Coruña representa unha aposta decidida polo talento e pola especialización do futuro do noso sector. En Gabadi cremos firmemente na importancia de tender pontes entre empresa e universidade para impulsar a innovación e garantir profesionais altamente cualificados”. Así mesmo, subliñou “o valor estratéxico de sumar esforzos con institucións como o Campus Industrial de Ferrol da UDC, un ecosistema clave para fortalecer a competitividade do naval galego e consolidar a Galicia como referente internacional en habilitación e interiorismo naval”.

Para o desenvolvemento de todo o plan de actuación, prevese un investimento anual de 20.000 euros. A dirección da cátedra correrá a cargo de Lucia Santiago Caamaño, profesora e investigadora do Grupo Integrado de
Enxeñaría, adscrito ao CITENI.

Sobre Gabadi

Gabadi é unha empresa do sector naval con máis de 35 anos de traxectoria. Con sede en Narón , está dedicada á habilitación naval para o sector militar e civil, incluíndo barcos de servizos (oceanográficos), de recreo e de turismo, como iates e cruceiros. Tamén fabrican tanques de terra e barcos para o transporte de gas natural licuado. Ten filiais en China e Canadá.

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol acolle a primeira microcredencial sobre dixitalización industrial que Siemens lanza en España

Un total de 40 estudantes de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *