O pintor Manuel Carballeira inspírase no billete de 500 pesetas que convertía á autora na primeira muller da historia en figurar nos emitidos en España pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre.

A finais da década dos 70 do pasado século, Rosalía de Castro convertíase na primeira muller da historia en protagonizar un billete emitido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, coa excepción de figuras con linaxe real. E nesa decisión, que dá boa conta da trascendencia da nosa autora máis universal, inspirouse este ano o pintor Manuel Carballeira para crear a nova obra que inaugurará o Concello de Valdoviño o vindeiro luns, coincidindo co Día de Rosalía.
O artista local, completaba este venres o encargo da Concellería de Cultura, nun proceso creativo non exento de dificultades por cuestións meteorolóxicas.
A nova obra adicada a Rosalía está situada na contorna da praia pequena da Frouxeira, sobre dúas das paredes da edificación de aseos, e pasará xa a formar parte do espazo rosaliano, que inclúe diferentes interpretacións da escritora. Todas magníficas e todas de Carballeira. Iniciaba a colección a Rosalía surfeira, onde sobre unha táboa cabalga as ondas creadas por deceas de libros; a segunda obra tiraba dos versos da autora para configurar o seu rostro, e a terceira, recreaba unha hipotética fotografía do ano 1881 que ilustraría unha visita de Rosalía e da familia á praia máis curativa do municipio.
Neste novo mural, hai tamén moito detalle, e Carballeira aposta por incluír textos e imaxes orixinais, como a estampa da praia pequena no billete. Dende o Concello, anímase á veciñanza a visitar a obra festexando así este luns o Día de Rosalía.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
