A Deputación da Coruña pecha con satisfacción a primeira participación en HIP

Restaurantes e produtores de Bergantiños, Barbanza, Compostela, Ferrolterra, Arzúa e A Coruña exhibiron o potencial enogastronómico da provincia durante os tres días da feira «A valoración que facemos da nosa participación neste evento é claramente positiva», sinala o vicepresidente e deputado de Promoción Económica, Xosé Regueira.

A Deputación da Coruña despide a súa participación en HIP–Horeca Professional Expo con evidente satisfacción tras tres xornadas de intensa actividade no posto provincial baixo o lema ‘A paisaxe que sabe’. Este ano foi a primeira participación da institución nesta feira profesional, que tivo lugar no IFEMA madrileño, e onde se sucederon demostracións culinarias, presentacións de produto e obradoiros de harmonías que puxeron en valor a cadea de valor enogastronómica da provincia.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que «a valoración que facemos da nosa participación neste evento é claramente positiva». Neste sentido, destaca que «así o indican tanto a afluencia ao noso posto, como o interese amosado polo público e as propias impresións do sector enogastronómico que nos acompañou nestes tres días».

Regueira incide no perfil profesional das persoas asistentes e asegura que «a xente que se achega a nós son visitantes profesionais, son persoas interesadas en abrir vías de negocio. Coa calidade do produto que temos e co sector tan altamente profesional como hai na provincia da Coruña, coido que o éxito está asegurado». O vicepresidente engade que agora cómpre dar unha marxe de tempo, polo menos dun mes ou mes e medio, para comprobar se os contactos establecidos se traducen en oportunidades reais de mercado.

O vicepresidente Xosé Regueira co chef Adrián Felípez e Andrea (a axudante con que contou para este evento).

A xornada estivo protagonizada polos dous obradoiros ofrecidos polo chef carballés Adrián Felípez, á fronte do restaurante Miga (A Coruña). O cociñeiro elaborou unha terrina de cacheira de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido, así como unha albacora curada en auga de mar, sopa de xunco mariño e folla de ostra, propostas que volveron atraer numeroso público profesional ao posto da Deputación.

Entre ambas as demostracións, o sumiller Alejandro Paadín conduciu un obradoiro de harmonías centrado nos viños da subzona Ribeiras Coruñesas do Ulla da denominación de orixe Rías Baixas, acompañados de queixo Galmesán (Arzúa) e patacas fritidas Bonilla a la Vista (A Coruña). A despedida do evento completouse coa presentación e degustación de mexillón afumado da Conserveira (Ribeira), maridado con Vermut Lodeiros (Santiago).

Ao longo dos tres días participaron restaurantes de referencia como Illas Gabeiras, de Ferrol; As Garzas, de Barizo, en Malpica de Bergantiños; e o xa mencionado Miga, que amosaron a capacidade creativa da cociña atlántica e a reinterpretación contemporánea do produto de proximidade. Xunto a eles, produtores e comercializadores de diferentes comarcas contribuíron a ofrecer unha visión ampla e diversa do potencial enogastronómico coruñés.

HIP – Martietas

Empresas como Martietas de Fío, de Bergondo; Empanadas Ternura, da Coruña; La Despensa D’Lujo, de Coristanco; A Conserveira, de Ribeira; Cien por Cel e Vermut Lodeiros, de Santiago de Compostela; Galmesán, de Arzúa; ou Bonilla a la Vista, da Coruña, participaron nas distintas sesións.

Con esta primeira participación en HIP, a Deputación da Coruña consolida a súa aposta pola promoción conxunta do produto, da transformación e da restauración baixo unha estratexia común de marca, proxectando a imaxe dunha provincia que combina excelencia, identidade territorial e capacidade empresarial para competir nos mercados profesionais.

Lea también

Detenida una persona por tráfico de drogas en un punto negro de venta de Ferrol

La Policía Nacional ha detenido el pasado sábado a una persona en las inmediaciones de …