A UDC e o Concello de Ferrol impulsan unha nova edición do Ciclo de Conferencias dedicado ao paleontólogo Emiliano Aguirre

Emiliano Aguirre

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este venres, día 20 de febreiro, ás 19:00 horas, o relatorio do investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NO Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Edgard Camarós Pérez, titulado «As orixes da humanidade: do berce africano ás terras galegas”, no marco do Ciclo de Conferencias dedicado ao paleontólogo ferrolán Emiliano Aguirre, falecido en 2021 aos 96 anos de idade.

Un ano máis, a Universidade da Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, impulsan unha iniciativa divulgativa aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado na que tamén colaboran a Fundación L. Monteagudo e o Centro Cultural Torrente Ballester.

O programa desta nova edición inclúe ao propio director da Cátedra e profesor do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, quen falará, o día 27 de febreiro, sobre “As orixes da civilización: 20 anos de arqueoloxía da UDC no Oriente Próximo”, e ao investigador do Consejo Superior de Investigaciones
Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, que impartirá, o día 6 de marzo, o relatorio titulado “As orixes de Ferrol: escavacións arqueolóxicas en Tralocastro”.

A exposición “Orixes IV. Urbanismo Castrexo” pódese visitar no «Torrente Ballester»

Un total de 10 paneis explicativos, unha peza audiovisual e unha vitrina con materiais arqueolóxicos tales como cerámicas castrexas, fragmentos de terra sigillata, un muíño rotatorio reutilizado na cimentación do corpo de garda
ou lousas procedentes da cuberta dun edificio colectivo. Isto é o que atoparán todas aquelas persoas que se acheguen, ata o 26 de abril, ao Centro Cultural Torrente Ballester para visitar a exposición “Orixes IV. Urbanismo Castrexo”, organizada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol. 

A Casa Castrexa escavada na Campaña de 2025 en Esmelle. Imaxe Eloy Taboada.

O obxectivo desta cuarta exposición, na que tamén colabora a Fundación L. Monteagudo, non é outro que o de amosar os resultados da campaña arqueolóxica realizada entre o 14 de xullo e o 1 de agosto de 2025 no Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro. Unha escavación levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia baixo a dirección científica do director da Cátedra e profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e a dirección
técnica do investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez.

Castro de Esmelle

“Sábados Castrexos en Familia” no Arqueódromo Luis Monteagudo

Como xa vén sendo habitual, a antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación, Lucía Brage Martínez, coordinará o programa “Sábados Castrexos en Familia” que inclúen unha visita guiada á exposición e a realización de diversas actividades divulgativas no arqueódromo Luis Monteagudo, situado no Centro Cultural Torrente Ballester, o 7 e o 14 de marzo, así como o 11 e o 18 de abril, ás 12:00 horas. Reservas no correo
electrónico arqueodromo.ferrol@gmail.com.

Lea también

Navantia UK, en la próxima conferencia de la Cátedra «Cosme Álvarez de los Ríos» a través de sus protagonistas

El salón de actos Concepción Arenal del Campus Industrial de Ferrol acoge este jueves, día …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *