Nace no Campus Industrial de Ferrol a Asociación de Internacionalistas de Galicia (ASIG)

Varias das alumnas e exalumnas do grao en Relacións Internacionais integrantes da Xunta Directiva, na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, sede Asociación de
Internacionalistas de Galicia (ASIG).

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolleu, o pasado venres 13 de febreiro, a presentación da Asociación de Internacionalistas de Galicia (ASIG), integrada por alumnado e exalumnado do grao en Relacións Internacionais.

Presiden esta organización sen ánimo de lucro, as estudantes Natalia Álvarez e Isabel Rodríguez. Tamén forman parte da xunta directiva, en calidade de vicepresidentas, Iria Cobas, Teresa Hermida e Carla Rodríguez. Pola súa banda, Silvana Fábregas ocupa o posto de secretaria e Sofía Castrillón o de tesoureira.

Tal e como recollen os seus estatutos, entre os principais obxectivos da Asociación de Internacionalistas de Galicia (ASIG) están o de promover a acción exterior de Galicia no eido das relacións internacionais, contribuír a impulsar a imaxe, a presenza e a influencia da nosa comunidade no eido internacional, impulsar proxectos, accións e iniciativas, así como o de crear oportunidades para os e as internacionalistas que a conforman. Para a súa consecución, teñen creado catro grupos de traballo, centrados nos campos da tecnoloxía, da economía e da competitividade, da paz, da seguridade e da defensa e, por último, no dos dereitos humanos, da gobernanza e no dos estados de dereito.

Ata o momento, a Asociación de Internacionalistas de Galicia (ASIG) ten colaborado, xunto co coordinador do grao en Relacións Internacionais na Universidade da Coruña (UDC), o profesor Jorge Quindimil, na organización de dous seminarios profesionais, impartidos neste mes de febreiro, polo maxistrado presidente da Corte Centroamericana de Justicia, César Salazar, e mais polo experto en Contraintelixencia, Seguridade e Defensa e exmembro do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Jorge Gómez. Este tipo de seminarios
profesionais son financiados polo Campus Industrial de Ferrol non só neste grao senón tamén nos outros dous títulos que se imparten na Facultade de Humanidades e Documentación, Xestión Industrial da Moda e Xestión Dixital de Información e Documentación.

Do mesmo xeito, a Asociación está a traballar xa, na organización da terceira edición do CouMUN, unha simulación sobre o funcionamento da Organización das Nacións Unidas (ONU), que este ano, e por primeira vez, terá lugar no Campus de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (UVigo).

Con motivo da presentación da Asociación de Internacionalistas de Galicia (ASIG) interviñeron, a través dunha vídeo chamada, o director da División de Asuntos Xurídicos e a conselleira sénior, especializada en Dereito
Internacional, da Organización Mundial do Comercio (OCM), Jorge Castro e María Pereyra, respectivamente. Ambos os dous animaron ao alumnado a continuar traballando nunha iniciativa que será de moita axuda para a profesión tanto a nivel autonómico, nacional coma internacional.

Relacións Internacionais, un grao interuniversitario e bilingüe

O Grao en Relacións Internacionais impártese na Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña (UDC) desde o curso 2022/23. É un grao interuniversitario coa Universidade de Vigo (UVigo). Os dous últimos anos son os da especialización, o Campus Industrial de Ferrol oferta a mención en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e o Campus de Ourense a de Xestión de Proxectos Internacionais. Para acceder a este grao, o alumnado debe acreditar un nivel B1 en inglés no momento de formalizar a matrícula, unha vez teña realizadas e superadas as probas ABAU e obteña a correspondente praza.

Lea también

El experto en Contrainteligencia, Seguridad y Defensa, Jorge Gómez, imparte este viernes un seminario en el Campus Industrial de Ferrol

El experto en Contrainteligencia, Seguridad y Defensa, Jorge Gómez, imparte, este viernes, día 13 de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *