A Deputación da Coruña celebra o primeiro aniversario do CEI

O maior plató virtual de España cumpre un ano intenso no que acolleu rodaxes cinematográficas, produccións publicitarias e de moda ou programas de radio.

AIGI BOGA- CEI

A Deputación da Coruña conmemora o primeiro ano de actividade do CEI (Coruña Estudio Inmersivo), unha infraestrutura estratéxica impulsada pola institución provincial que se ten consolidado en apenas doce meses como un referente da produción audiovisual inmersiva en España.

Desde a súa posta inauguración oficial en febreiro de 2025, o CEI acolleu unha ampla variedade de proxectos que abranguen rodaxes cinematográficas, producións publicitarias e de moda, programas de radio, xornadas profesionais e presentacións corporativas. Esta actividade constante sitúa á provincia da Coruña na vangarda da innovación tecnolóxica aplicada ao sector audiovisual e reforza o seu posicionamento como destino competitivo para rodaxes e producións de alto nivel.

O CEI foi inaugurado o 14 de febreiro de 2025 nun acto que contou coa participación do ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López Águeda; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, entre outras autoridades.

Posteriormente, en setembro de 2025, o estudio foi presentado ao sector audiovisual nacional e internacional no marco do 73º Festival Internacional de San Sebastián, reforzando a súa proxección. Durante este primeiro ano, o CEI presentouse tamén en eventos clave do sector como Iberseries (Madrid) ou London Focus 2025. Actualmente, a xestión do plató virtual corre a cargo de Pedralonga Estudios, que desenvolveu unha intensa actividade de promoción e captación de proxectos ao longo deste primeiro ano.

Entre os traballos realizados no CEI figuran escenas dunha produción cinematográfica de Vaca Films, shootings de moda para marcas do grupo Inditex, un especial de Hora 25 da Cadena SER sobre o sector audiovisual galego, así como xornadas profesionais organizadas polo Clúster Audiovisual Galego no marco do programa I+P Ideas para Producir. Tamén traballaron nas instalacións numerosas produtoras e axencias como Idea Creatividad, Undodez Producións ou Avestudio, desenvolvendo campañas corporativas e proxectos creativos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “o CEI é unha aposta estratéxica pola innovación, pola industria cultural galega e polo emprego cualificado na nosa provincia. En apenas un ano demostrou que Galicia pode competir na primeira liña da produción virtual, atraendo proxectos e talento”. Formoso subliñou que este investimento forma parte dunha visión máis ampla de apoio aos sectores produtivos emerxentes e á dixitalización, contribuíndo á diversificación económica e á creación de oportunidades.

En 2026 prevese reforzar este polo audiovisual da Cidade das TIC coa apertura de dous novos platós tradicionais de 2.000 e 2.500 metros cadrados, ampliando a capacidade operativa do complexo e consolidando a contorna como un auténtico hub audiovisual de referencia no noroeste peninsular.

Co equilibrio entre tecnoloxía de última xeración, creatividade e versatilidade, o CEI consolídase como un espazo clave para a produción virtual aplicada ao cinema, á moda ou á publicidade, proxectando o talento audiovisual galego a nivel nacional e internacional.

Lea también

A Deputación da Coruña recibe 64 candidaturas ao V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais

Mar García Vidal destaca o aumento da participación e salienta a vitalidade e o compromiso …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *