A Deputación da Coruña recibe 64 candidaturas ao V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais

Mar García Vidal destaca o aumento da participación e salienta a vitalidade e o compromiso do tecido social da provincia coa innovación e a mellora dos servizos sociais.

Fuente foto arquivo 2025 Diputación de A Coruña

A Deputación da Coruña pechou o prazo de presentación de candidaturas ao V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, correspondente ao ano 2025, cun total de 64 solicitudes rexistradas, o que supón 12 máis ca na edición anterior. Este incremento confirma a boa evolución da convocatoria e o crecente interese das entidades sociais da provincia por participar nela.

Do total de candidaturas recibidas, 30 concorren á modalidade de Traxectoria da entidade, dirixida a recoñecer o traballo continuado e o impacto social sostido das organizacións do terceiro sector, mentres que 34 optan ás modalidades de Proxectos, centrada en iniciativas concretas de intervención social desenvolvidas no ámbito provincial.

A deputada responsable da área, Mar García Vidal, valorou moi positivamente o aumento da participación nesta quinta edición do premio e sinalou que “o crecemento do número de candidaturas amosa a vitalidade do tecido social da provincia e o prestixio acadado por este premio como espazo para dar visibilidade ao traballo rigoroso e comprometido das entidades sociais”.

García Vidal destacou tamén que este incremento “é unha mostra clara do compromiso das entidades coa innovación social e coa mellora continua dos servizos que prestan á cidadanía”, ao tempo que puxo en valor o papel da Deputación como administración que impulsa, apoia e acompaña estas iniciativas.

O V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais ten como finalidade recoñecer, visibilizar e difundir experiencias innovadoras e de calidade desenvolvidas por entidades sociais sen ánimo de lucro que contribúan á mellora do benestar social e á atención das persoas e colectivos en situación de maior vulnerabilidade na provincia da Coruña.

As candidaturas serán agora avaliadas polo xurado de acordo cos criterios establecidos nas bases da convocatoria, que teñen en conta, entre outros aspectos, a calidade técnica, o impacto social, o carácter innovador e a sustentabilidade das iniciativas presentadas.

O fallo do xurado darase a coñecer nun acto que se celebrará o vindeiro 10 de abril, no que se fará entrega dos galardóns ás entidades gañadoras en cada unha das seis categorías do certame. Cada un dos galardóns ten unha dotación económica de 7.000 euros, que servirán para impulsar e reforzar as iniciativas gañadoras.

Con esta quinta edición do premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, a Deputación da Coruña continúa apostando polo fortalecemento dos servizos sociais e polo recoñecemento do labor esencial que desenvolven as entidades como axentes clave do benestar e da inclusión no territorio.

Lea también

Ferrol acolleu a entrega dos premios Youtubeiras+

Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e gañadores. Na tarde deste sábado, día 7 de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *