Narón cita a máis de 500 remeiros na enseada da Gándara coa III Bandeira de Bateis

A enseada da Gándara converterase este sábado día 14 a partir das 15:00 horas, nun dos principais escenarios do remo galego coa celebración da III Bandeira de Bateis e do XXVII Trofeo de Bateis Cidade de Narón, unha competición que reunirá na cidade a máis de medio milleiro de deportistas.

A proba está organizada polo Club de Remo Narón coa colaboración do Padroado de Deportes do Concello de Narón, a Federación Galega de Remo e a Deputación da Coruña.

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento xunto ao presidente do Club de Remo Narón, Bruno Vidal, quen explicou que nesta edición participarán catorce clubs procedentes de diferentes concellos galegos —maioritariamente da provincia da Coruña e tamén de Lugo— e un equipo chegado desde Asturias, ampliando así o alcance da competición.

As regatas disputaranse nun percorrido de 500 metros na enseada da Gándara, con longos que variarán segundo a categoría —desde alevíns ata sénior e veteráns—, podendo acadar ata os 2.000 metros nas probas de maior distancia.

Durante a presentación, Santalla destacou a consolidación do evento no calendario deportivo local e autonómico. “Esta bandeira é xa unha cita imprescindible para o remo base e unha oportunidade para que Narón siga posicionándose como referente na organización de eventos deportivos vinculados ao mar”, sinalou.

O edil agradeceu tamén o traballo do club organizador, subliñando que “o labor que realiza o Club de Remo Narón ao longo de todo o ano é fundamental para fomentar o deporte entre a mocidade e manter viva a tradición do remo na comarca”.

Así mesmo, o responsable municipal animou a veciñanza a achegarse á enseada da Gándara para seguir a competición: “Convidamos a cidadanía a gozar dunha xornada deportiva aberta ao público e a apoiar os remeiros e remeiras que competirán nunha proba de gran nivel”.

Lea también

El Centro Comercial Odeón (Narón) organiza un Taller de Bordado Creativo

La Plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón acoge este sábado día 14 a las …