Narón convoca o Consello Xeral para presentar o novo Regulamento de Participación Cidadá

O Concello de Narón, a través da Escola de Participación, celebrará o próximo luns 23 de febreiro un Consello Xeral no que se presentará o novo Regulamento de Participación Cidadá do municipio. A sesión terá lugar no salón de Plenos da Casa Consistorial ás 19:00 horas en primeira convocatoria e ás 19:15 horas en segunda.
 
 
A reunión está dirixida ás entidades locais, ás persoas representantes dos Consellos Sectoriais e aos distintos grupos políticos que forman parte da corporación municipal. O obxectivo principal do encontro será dar a coñecer o novo documento normativo, que pode consultarse previamente na ligazón: i.gal/RPC_2025.
 
O Consello Xeral é o órgano municipal de participación cidadá destinado a promover, canalizar e debater sobre os asuntos que afectan á vida cotiá do conxunto do municipio, favorecendo unha maior implicación e corresponsabilidade da veciñanza na toma de decisións públicas.
 
Coincidindo coa presentación do novo regulamento, o Concello iniciará tamén o proceso de actualización da composición deste órgano participativo, co fin de renovar ou confirmar as persoas representantes. Neste sentido, solicítase ás entidades e persoas interesadas en formar parte do Consello Xeral —así como doutros posibles consellos extraordinarios que se poidan convocar ao longo do ano— que cubran o formulario habilitado na seguinte ligazón: i.gal/CX_2026.
 
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o xoves 19 de febreiro ás 14:00 horas, momento no que se pechará a recepción de inscricións. Dende o Concello de Narón anímase á participación activa do tecido asociativo e da cidadanía co obxectivo de seguir fortalecendo os mecanismos de participación democrática e diálogo directo coa administración local.

Lea también

Comeza o XI Concurso de Tapas de Entroido de Narón con nove propostas creativas para saborear o cocido

O Entroido tamén se come en Narón. O XI Concurso de Tapas de Entroido comeza …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *