Conta atrás activada para o arranque das celebracións do carnaval en Neda. As comparsas, que levarán a animación e o bo humor polas rúas da vila, serán as grandes protagonistas este venres. Non obstante, a xornada festiva incluirá ademais concurso e baile de disfraces. Dende o Concello convídase á veciñanza e á xente do resto de Ferrolterra a desfrutar das actividades.

Un total de nove comparsas e un grupo participarán no desfile polas rúas nedenses.
As máis de 330 persoas participantes partirán da avenida Castelao a iso das 19:15 horas, con destino ao pavillón municipal, escenario do tradicional festival. Ao seu paso encherán cor as rúas Xeneral Morgado, Real (vía na que quedará prohibido estacionar entre as 18.30 e as 20.30 h), Sobre a Vila avenida de Alxeciras, e Valle Inclán.
Nesta presente edición do certame, subirán ao escenario as naronesas Tróupele Tróupele, Os Argalleiros, Os Parrandolos e As Xoaniñas de Chao; a ferrolá Os Colludos, a fenesa Os Scratchados; a eumesa Xente de aquí e acolá, as nedenses A Canteira e Semente Trasancos, ademais do grupo As Caralletas. En total, máis de 300 persoas. O xurado premiará ás mellores comparsas nas categorías de “orixinalidade e vestimenta”, “crítica da realidade local e comarcal”, “animación na rúa” e “posta en escena”.
Baile e concurso de disfraces
Tras a entrega de diplomas, a troula continuará. Haberá baile co Dúo Estrellas e, no transcurso da festa, o concurso de disfraces, convocado polo Concello para fomentar a implicación de toda a veciñanza nesta xornada. Poderase participar individualmente, en parella ou en grupo (máximo de seis), tendo que desfilar no escenario ante o xurado. En xogo, nove cestas con produtos típicos do entroido (tres por cada unha das categorías). Haberá que inscribirse durante as actuacións.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.