O Concello das Pontes sacou a licitación as obras de mellora da pavimentación e renovación dos servizos na rúa do Sol, cun orzamento de 224.449 euros financiado pola Deputación da Coruña.
Esta intervención enmárcase no conxunto de actuacións que o goberno local está a impulsar nos últimos anos co obxectivo de modernizar as infraestruturas municipais, reforzar a seguridade viaria, avanzar na accesibilidade universal e mellorar a calidade do espazo público nos distintos barrios do municipio.
A rúa do Sol, situada na Cal de Avelaiña, presenta na actualidade diversas deficiencias derivadas do paso do tempo, como o deterioro dos pavimentos, problemas nas rasantes, un sistema de alumeado pouco eficiente e unha rede de saneamento mixta xa obsoleta.
O proxecto daralle resposta a estas ao tempo que permitirá a reorganización da circulación establecendo un único sentido desde a rúa Vincallo cara á rúa Caraveis, seguindo o modelo aplicado noutras rúas paralelas para así ordenar o tráfico, habilitar novas zonas de estacionamento e ampliar os espazos peonís.
A actuación inclúe a creación dunha plataforma única, situando calzada e beirarrúas á mesma cota e diferenciando os espazos mediante distintos pavimentos. Esta solución mellora a integración do espazo urbano e favorece unha mobilidade máis cómoda e segura.
O proxecto incorpora medidas específicas para garantir a accesibilidade universal, como a ampliación dos itinerarios peonís, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a reserva de prazas para persoas con mobilidade reducida e a instalación de sinalización táctil para facilitar a orientación das persoas con discapacidade visual.
No ámbito das infraestruturas, substituirase a actual rede de saneamento por un sistema separativo de augas pluviais e residuais, mellorando o seu funcionamento e contribuíndo á protección ambiental.
Tamén se renovará o alumeado público mediante a instalación de luminarias LED de baixo consumo e canalización soterrada, o que permitirá incrementar a eficiencia enerxética e mellorar a calidade da iluminación.
A actuación completarase coa colocación de novo mobiliario urbano e coa mellora das zonas verdes existentes así como a execución de novos pasos de peóns e a renovación sinalización vertical e horizontal, reforzando as condicións de seguridade viaria.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
