
As actividades darán comezo ás 16.30 horas coa concentración de comparsas na Praza da Gándara, desde onde partirá ás 17.00 horas o desfile conxunto ata a pista polideportiva da Solaina. O percorrido atravesará algunhas das
principais vías do municipio e culminará no recinto deportivo, onde se celebrará, baixo toldo, o festival e concurso de comparsas. A presentación do evento correrá a cargo de Teatro Ghazafelhos, compañía teatral de Narón que celebra neste 2026 o seu 20 aniversario.
O concurso de comparsas manterá o seu carácter participativo e reivindicativo, con dez agrupacións participantes que deberán estar formadas por un mínimo de quince integrantes e contarán cun tempo máximo de dez minutos para as súas actuacións, nas que, con humor e espírito crítico, repasarán a actualidade do ano 2025. As letras deberán tratar obrigatoriamente temas locais do concello de Narón e interpretarse en lingua galega, reforzando así a identidade propia do Entroido naronés.
O Padroado da Cultura contempla ademais unha axuda económica pola participación, diferenciada segundo a procedencia das comparsas, e establece premios para as tres mellores actuacións na categoría de adultos que consistirá nunha figura, recordo do Día do Entroido. O xurado valorará aspectos como a orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica, a calidade musical e a contribución á recuperación do Entroido en Galicia. As comparsas de Narón comprometeranse tamén a realizar actuacións noutras parroquias do municipio ao longo do ciclo festivo.
Xunto ao concurso de comparsas, o Entroido 2026 inclúe o tradicional concurso de disfraces nas categorías individual, parella e grupos de ata seis persoas, tanto en modalidade infantil como adulta, con premios que consistirán en cestas de produtos de Entroido para os adultos e lotes de contos para a rapazada.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou que “o Entroido é unha das festas con máis arraigamento en Narón, un espazo de participación colectiva no que se mesturan creatividade, crítica social e tradición”, e subliñou que “o traballo das comparsas é clave para manter viva esta celebración e para facer do Entroido un referente cultural na comarca”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.