Ferrol acolleu a entrega dos premios Youtubeiras+

Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e gañadores. Na tarde deste sábado, día 7 de febreiro, no Teatro Jofre de Ferrol, , deuse a coñecer o palmarés da novena edición deste certame que, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; e mais pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover e visibilizar a creación de contidos en galego nas redes sociais.

Durante a gala, a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, puxo en valor o papel das redes como espazo clave para a normalización lingüística e salientou que Youtubeiras+ se converteu nun referente para demostrar que o galego «vale para contar ciencia, literatura, cine, cociña, humor ou música, e para estar presente en todos os formatos e plataformas». Agra subliñou que o noso idioma debe ter presenza «no mesmo nivel e en igualdade de condicións ca calquera outra lingua» tamén no ámbito dixital.

A deputada destacou así mesmo a valentía das persoas creadoras que apostan polo galego na internet, mesmo fronte ás dificultades derivadas dos algoritmos e da consideración do idioma como minoritario, e asegurou que facer contido en galego nas redes sociais é «un acto de resistencia individual que se converte en colectivo cando existe unha comunidade que apoia, segue e comparte». Nese sentido, agradeceu a participación das canles concorrentes e o compromiso das persoas finalistas e premiadas por contribuír a que o galego «estea no mundo e non desapareza da Galiza»

Pola súa parte o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, felicitou a todos os premiados polo seu traballo de promoción e visibilización do talento galego nas redes sociais e destacou a afluencia do público, no que estaba reunida a comunidade creadora de contidos en galego na rede. Así mesmo, puxo en valor a “estreita colaboración” entre todas as partes organizadoras, cunha “vontade compartida en poñer o foco nun ámbito clave para o futuro da nosa lingua”.

Presentaron a gala Leila Fernández, membro da canle O faiado pódcast, e Carlos Vieito, integrante do proxecto Exército Mekemeke. A ela asistiron representantes das 28 canles finalistas. Ao longo da velada, deuse a coñecer o ditame do xurado, que nesta edición estivo conformado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.

O Premio á Creación de Contidos levouno Konachadas (concello de orixe: Viveiro; na actualidade reside en Rois) . O xurado decidiu galardoar esta canle pola súa «calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade» para converter calquera temática «nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos».

O Premio á Mellor Canle distinguiu a Rodri Míguez (Redondela e Bueu). O xurado considerouno merecente do galardón «polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta».

O Premio ao Mellor Pódcast recaeu en Fóra de mapa pódcast  (Meis e Vigo) por «usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos ás culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional».

O Premio á Calidade Lingüística acadouno Patri Otero  (Santiago de Compostela) por, en palabras do xurado, «utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar».

O Premio Revelación foi para O búnker debuxos (Ferrol). O xurado salientou desta canle a súa capacidade de «sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso».

O Premio Rede conquistouno ChutenMeme (Santiago de Compostela) por conseguir, «a través do humor», xerar «novos lazos virtuais» e facer «medrar a comunidade dixital galega».

O Premio do Público, o único que non decidiu o xurado ao determinarse por votación popular telemática, foi para o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela (Culleredo).

Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que bateu a marca histórica do concurso e superou a colleita da edición anterior, na que participaron un total de 89 canles. O certame distingue o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na internet ao longo de 2025 e permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas. Esta foi a principal mudanza nas bases do certame, xa que na oitava edición só puideron participar canles con perfís en YouTube e TikTok.

Á gala de entrega dos Premios Youtubeiras+ asistiron representantes das diferentes institucións organizadoras, como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Ángeles Pacoret; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude de Oleiros, María José Santos; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas e Rural de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro; a concelleira de Asuntos Sociais e Emprego de Rois, María Mercedes Basante; e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López.

Lea también

La huelga indefinida de transportes de la provincia se retomará el miércoles si no hay acuerdo

La huelga de transportes de viajeros por carretera de la provincia de A Coruña se …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *