A Alianza Aresana acolle un encontro de narradoras galegas para afondar na novela romántica

Abril Camino —Premio Xerais 2025—, Mav Alonso —Premio Círculo Rojo á mellor Novela Romántica 2024— e Rocío M. Bouzón —tamén poeta e bookstagramer con varias novelas dentro da literatura romántica— achegaranse até Ares para compartir as súas visións sobre o xénero literario.

O salón de actos da Alianza Aresana acollerá o faladoiro o vindeiro mércores, 11 de febreiro, a partir das 17:30 horas, con entrada libre. A iniciativa encádrase no programa ‘Perspectivas literarias’ que impulsan a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER).

Un encontro entre tres autoras galegas para debullar a súa visión da novela romántica e das temáticas que se poden desenvolver dentro dela: esa é a proposta que achega ‘O amor e as súas perspectivas’, un faladoiro literario impulsado pola Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER) e a Concellaría de Cultura de Ares.

Así, este mércores 11 de febreiro a partir das 17:30 horas estarán no salón de actos da Alianza Aresana (Rúa María, 11) a coruñesa Abril Camino, actual gañadora do Premio Xerais 2025 con Mulleres que viven xuntas e cunha longa carreira no eido da novela romántica; Rocío M. Bouzón, poeta, autora de prosa e bookstagramer de Vilarmaior que profundiza no amor propio de xeito intimista no seu último poemario, Rnacer; e Mav Alonso, escritora viguesa caracterizada pola mestura do xénero do thriller e romántica nas súas novelas, amais de gañadora en 2024 do Premio Círculo Rojo á mellor Novela Romántica con La herida que merezco.

Dende a experiencia traballando con diferentes formatos, transitando da poesía á novela, as tres autoras afondarán nas posibilidades expresivas e creativas que brinda o xénero a día de hoxe, mais tamén nas temáticas que se poden tratar a través del como o feminismo, as novas identidades ou a saúde mental. Ademais, o faladoiro manterá dinámicas participativas para que toda aquela veciñanza asistente poida introducirse no diálogo e formular as súas inquedanzas ás participantes.

PERSPECTIVAS LITERARIAS: UN PROXECTO DE FOMENTO DA LECTURA

Este encontro que terá lugar o 11 de febreiro en Ares encádrase baixo a actividade ‘Perspectivas literarias’ que impulsan a Biblioteca da Deputación da Coruña, a propia institución provincial e a Asociación Galega de  Escritoras e Escritores (AGER) dende o pasado xaneiro até xuño.

A través desta proposta cultural, dinamízanse media ducia de bibliotecas da provincia da Coruña, entre elas a aresá, procurando fomentar a lectura entre o público adulto e xuvenil cun diálogo directo entre lectores e autores que narran dende Galicia.

Cada un dos faladoiros do programa xira en torno a un tema de actualidade social vinculado coa obra literaria dos escritores participantes, como pode ser a migración, os problemas sociais, a identidade de xénero… e busca un “novo xeito de achegar novas voces e descentralizar a cultura”.

 

Lea también

Las oficinas de turismo de Ferrol rozaron los 3.000 visitantes durante el mes de abril

Las oficinas de turismo de Ferrol registraron cerca de 3.000 visitantes durante el pasado mes …