As xornadas, organizadas pola Deputación da Coruña, abordan o patrimonio do mar como memoria colectiva, espazo de traballo e identidade cultural. O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, descata que «estas xornadas queren ser un foro de debate e un faro de coñecemento sobre o que temos diante nosa» e que adoita padecer «desleixo ou desprotección».

O Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña acolleu este venres a primeira sesión das xornadas ‘Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña, unha iniciativa enmarcada no programa Aulas Científicas A luz da ciencia, impulsado pola Deputación da Coruña, que continúa o sábado, 7 de febreiro.

A xornada inaugural reuniu especialistas de referencia de distintas disciplinas para abordar o patrimonio marítimo desde unha perspectiva plural e contemporánea, incorporando dimensións materiais e inmateriales ligadas ao traballo no mar, á memoria colectiva, á identidade, á paisaxe cultural e á creación.

O encontro propón unha reflexión interdisciplinar que amplía a mirada sobre os patrimonios costeiros galegos e incorpora enfoques sociais, culturais e educativos. A apertura institucional contou coa intervención de Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, quen explicou que estas xornadas naceron da necesidade de «combinar a ciencia coa sociedade a través do propio patrimonio», unha liña de traballo iniciada nas primeiras xornadas científicas celebradas en Dombate e que, malia a interrupción provocada pola covid, «chegaron para quedar como espazos de aprendizaxe, intercambio e participación».

Penas lembrou que ao longo das distintas edicións se abordaron ámbitos como a astronomía, a meteoroloxía, a xenética, o feminismo e a ciencia ou o megalitismo, e sinalou que o patrimonio marítimo era «unha materia pendente», ao tratarse dun patrimonio que «por diversos motivos non sempre está tan presente para o noso ollo».
DÍPTICO XORNADAS PATRIMONIO MARÍTIMO
O deputado de Patrimonio subliñou que as xornadas abordan o patrimonio marítimo desde múltiplos puntos de vista, comezando pola reivindicación da súa protección nun contexto no que, advertiu, «o patrimonio sofre continuamente desleixos ou directamente falta de protección». Neste sentido, destacou a importancia de aproveitar foros como este para reclamar unha maior atención ao patrimonio marítimo, especialmente nun país «marcado polo territorio, polo mar e por todas as actividades relacionadas con el».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.