Narón achega os seus recursos sociocomunitarios ao centro de saúde

O Concello de Narón deu a coñecer ao persoal do centro de saúde os recursos municipais dispoñibles no ámbito sociocomunitario, cultural e deportivo, co obxectivo de facilitar a súa prescrición a quen os poida precisar.
 
 
A iniciativa materializouse nunha xuntanza na que participou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, xunto a persoal técnico do Servizo Sociocomunitario e da Escola de Benestar, que explicaron as distintas ferramentas e programas cos que conta a administración local para acompañar as persoas na súa dimensión social, como complemento ao tratamento médico.
 
Durante o encontro, trasladouse a importancia de reforzar o benestar emocional e relacional da veciñanza a través da participación en actividades comunitarias, redes de apoio e espazos de socialización, contribuíndo así a unha atención integral centrada na persoa. Pola parte do centro de saúde asistiron a coordinadora de Atención Primaria, Julia Leira; a traballadora social, Belén Barro; a enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Patricia Torres; e a psicóloga, Lidia Sánchez, que puideron coñecer en profundidade os distintos recursos existentes no municipio.
 
Entre eles destacan os programas dirixidos a persoas maiores de 60 anos, como “Enredamos”, “Acompañándonos na soidade”, os obradoiros de memoria ou a ximnasia rehabilitadora; as iniciativas da Escola de Benestar, como “Vivir en Rede”, “Saúde Activa” e programas de empoderamento e capacitación feminina; así como a ampla oferta de actividades culturais, deportivas e formativas nos centros cívico-sociais, na Casa da Mocidade, no Pazo da Cultura ou na Biblioteca Municipal.
 
Tamén se abordaron as ferramentas dixitais e informativas do Concello, como a web municipal, a plataforma buscoactividade.naron.gal ou a canle de difusión “Novas Narón”, que facilitan o acceso da cidadanía ás distintas propostas.
 
Desde o Concello destacan que esta coordinación co ámbito sanitario permite avanzar na chamada “prescrición social e ocupacional”, facilitando que os profesionais da saúde poidan derivar as persoas usuarias cara a recursos comunitarios adaptados ás súas necesidades, como prevención e ou tratamento integral. “Os profesionais da saúde son fundamentais á hora de detectar necesidades na veciñanza que poida estar en risco de vulnerabilidade, como é o caso da soidade non desexada”, asegura María Lorenzo.
 
“O benestar non depende só da atención médica, senón tamén da contorna social, das relacións persoais e da participación activa na comunidade”, lembrando que o Concello seguirá reforzando este tipo de iniciativas de colaboración interinstitucional. A reactivación da Escola de Benestar e a actualización periódica do catálogo de recursos forman parte da estratexia municipal para promover unha vida máis saudable, participativa e inclusiva en Narón.

Lea también

La naronesa Ruth Ortega se proclama campeona del TER European Trophy Damas 2026

El automovilismo gallego  está de enhorabuena tras el histórico triunfo cosechado por Ruth Ortega. La …