
O Concello de Narón recibiu o xoves 5 de febreiro a comunicación oficial da sinatura do acordo alcanzado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no período 2026–2028. Ante este anuncio, o Goberno local quixo manifestar o seu rexeitamento a un pacto que considera insuficiente para garantir a viabilidade económica dun servizo esencial.
Desde o Concello de Narón, a alcaldesa Marián Ferreiro expresou o seu “descontento e contrariedade” ante un acordo que, segundo a corporación, queda lonxe de cubrir o custo real do servizo, actualmente situado en preto de 24 euros por hora de prestación efectiva —moi por riba da achega autonómica prevista para 2026.
A rexedora subliñou que a suba de apenas 4 euros por hora este ano, fronte ao prezo real da prestación, resulta “insuficiente” e segue a supoñer unha “carga extraordinaria para as arcas municipais”.
Ferreiro volveu insistir na necesidade de que o financiamento do SAF sexa asumido “na súa totalidade pola Xunta de Galicia e polo Estado”, tal como establece o marco da Lei de Dependencia, para garantir a sostibilidade financeira dos concellos e a continuidade dun servizo esencial para a cidadanía.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.