O proxecto busca promover o coñecemento e consolidación da Formación Profesional Dual no sector marítimo-pesqueiro de Galicia. O GALP Golfo Ártabro Norte participa neste proxecto de cooperación. Ámbito territorial: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne.
Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, en colaboración coa Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) puxeron en marcha o pasado mes de decembro o proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, unha iniciativa estratéxica deseñada para garantir o relevo xeracional no sector marítimo-pesqueiro galego e fortalecer a conexión entre a formación, o emprego e o territorio.
O proxecto de carácter bianual busca impulsar a Formación Profesional Dual Marítimo-Pesqueira como vía eficaz para atraer mocidade ao sector, mellorar a empregabilidade, reforzar a sustentabilidade do modelo produtivo e visibilizar as oportunidades laborais reais que ofrece o mar en Galicia.
O proxecto
“Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” aspira a converterse nunha ferramenta transformadora que conecte a mocidade coa realidade do sector, rompendo estereotipos e mostrando que o mar continúa sendo un ámbito profesional solvente, tecnificado, innovador e con forte impacto territorial.
Promove ademais a implicación activa dos armadores como axentes formadores na FP Dual, reforzando o vínculo entre o tecido produtivo e o sistema educativo, e contribuíndo a construír un modelo estable de relevo xeracional que dea continuidade á actividade pesqueira nas comunidades costeiras de Galicia.
Conta coa colaboración do grupo Itsas Garapen Elkartea de País Vasco.
Arranque das actuacións cos centros educativos de secundaria
Despois do acto de presentación e destas semanas de traballo coas entidades do sector e do eido educativo, RELEVO XERACIONAL da comezo ás actividades que se desenvolverán co alumnado de 4º de E.S.O.
Dende este mes de febreiro comezan as sesións de aula, que no noso territorio teñen un calendario pechado de momento como se amosa a continuación: CPR LOYOLA (Mugardos): 20 febrero e 6 marzo; CPR SAN JOSÉ (Pontedeume): 25 febrero e 4 marzo.
Estas sesións pretenden achegar coñecemento sobre o sector pesqueiro e as posibilidades de futuro que ofrece, sempre a través dunha metodoloxía dinámica, amena e divertida na que aprender facendo será o fío condutor. Tamén se realizarán visitas a entidades relacionadas co sector pesqueiro que ofrecen a posibilidade de coñecer o sector da man de profesionais e achegan aos escolares á realidade profesional próxima.
Ademais o proxecto ofrece ao alumnado a posibilidade de facer embarques reais do sector pesqueiro para coñecer o seu día a día e tamén poder desfrutar de unha estancia con pernocta na illa de Ons, onde coñecer o espazo protexido e a súa xestión para a conservación. Todas estas actuacións levaranse a cabo ata final de curso.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
