
“10 de marzo do 72, a mirada artística de Xaime Quessada” é unha exposición promovida polos concellos de Fene, Ferrol e Narón coa colaboración da AC Fuco Buxán e a Fundación Xaime Quessada que ten como obxectivo reflectir “os aspectos fundamentais que rodearon o conflito laboral dende a súa orixe; as consecuencias de todo tipo e a represión exercida sobre os traballadores e o movemento de solidariedade dos diferentes sectores cidadáns, así como a súa repercusión mundial a través dos máis importantes medios de comunicación”.
O acto, no que intervirán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o vicepresidente da AC Fuco Buxán, Víctor G. Novás, comezará ás 19.00 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (entrada libre), onde poderá visitarse até o vindeiro 30 de marzo. Horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. As persoas que asistan á inauguración ou visiten a mostra poderán facerse cunha unidade didáctica da mesma, até fin de existencias. E os colexios ou asociacions interesados, poderán solicitar unha visita guiada enviando un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal.
Segundo explican desde a A.C. Fuco Buxán, trátase da mostra “dun artista xenial, un axitador cultural, iconoclasta, heterodoxo e cun fondo sentido da solidariedade e do compromiso ético». Na biografía de Xaime Quessada (Ourense, 1937-2007) ocupa un capítulo destacado a súa vinculación con Ferrolterra, coas súas xentes, coas súas loitas e reivindicacións. Este vínculo coa nosa realidade, social e urbana, ven de finais dos sesenta cando en pleno franquismo contactou coas CCOO e o, daquela, ilegal Partido Comunista. Esta relación non se circunscribiu ao traballo artístico, moi ao contrario, Xaime sempre foi un home xeneroso e valente que acudía en solidariedade de tódalas causas que consideraba xustas.
O 10 de marzo do 72, ao ter noticia da extrema represión da ditadura, chegou a Ferrol formando parte da comisión de intelectuais que mediou ante as autoridades en solidariedade cos traballadores de Bazán. Este compromiso rebelde e solidario convertérao -anos atrás- a el mesmo en obxectivo da represión que recolle maxistralmente nunha parte da súa obra testemuñal: El Dictador, La detención, Los sótanos de la Gobernación o El Tribunal de Orden Público, entre outros que podemos ver reproducidos nesta exposición xunto con pezas, de enorme capacidade expresiva, adicadas ós sucesos do 10 de marzo do 72 ó que aportaría o seu talento: augafortes como o de Morte nas Pías, cartelismo sociopolítico, Daniel e Amador, ou nos pósters clandestinos para as CCOO e o PCG, que contribúen a manter viva a memoria deixando mensaxe e pegada deste tráxico episodio, dos seus protagonistas e das súas familias.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.