A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol reclama a creacción inmediata dunha unidade de prevención e acción

Os concellos acordan unha declaración institucional. Instan ao Goberno do Estado a cumprir cos compromisos adquiridos e a impulsar de maneira urxente medidas para reforzar a seguridade cidadá e a loita contra o tráfico de drogas en Ferrolterra.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu unha reunión para abordar os problema de seguridade local que afectan aos municipios integrantes deste organismo supramunicipal, que suman en total máis de 152.000 habitantes.

Así acordaron unha declaración institucional na que se reflicte a preocupación por este tema e a solicitude ao Goberno do Estado dun aumento dos recursos humanos para a loita contra esta situación.

Nos últimos meses, os concellos da comarca teñen constatado un incremento da criminalidade convencional e de queixas cidadás relacionadas co tráfico de drogas, unha situación que está a xerar alarma social. A Mancomunidade, que valora o traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado, “considera imprescindible adoptar medidas urxentes e coordinadas”.

Neste sentido na declaración, lémbrase que Ferrol e Narón “solicitaron formalmente ao Goberno de España un incremento de efectivos e medios nas súas Xuntas Locais de Seguridade celebradas en outubro e novembro de 2025”.

Así mesmo, reclaman a creación inmediata da Unidade de Prevención e Reacción (UPR), comprometida pola Subdelegación do Goberno en outubro de 2025 e aínda pendente de implantación. Ferrol é, xunto con Lugo e Pontevedra, unha das únicas cidades que non conta con esta unidade.

A Mancomunidade demanda “máis medios materiais para os profesionais da seguridade e reafirma o seu compromiso coa coordinación das policías locais e coa cooperación coa Policía Nacional”.

Por todo isto, a declaración remata “instando ás administracións competentes, en especial ao Goberno do Estado, a cumprir cos compromisos adquiridos e a impulsar de maneira urxente as medidas necesarias para reforzar a seguridade cidadá e a loita contra o tráfico de drogas en Ferrolterra”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, formada polos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño, representa a máis de 152.000 habitantes e abrangue unha superficie total de 444,4 quilómetros cadrados.

A seguridade cidadá constitúe un piar esencial para garantir a convivencia, o benestar e a calidade de vida de todas as persoas que habitan en Ferrolterra. Por esta razón, os concellos membros da Mancomunidade únense para reiterar a súa firme aposta polo reforzo da seguridade cidadá coma unha prioridade estratéxica.

Valorando moi positivamente o traballo realizado polas forzas e corpos de seguridade do Estado, existe unha lóxica alarma social que fai imprescindible seguir adoptando medidas no marco dunha resposta rápida, axeitada e coordinada ao incremento da criminalidade convencional que algúns concellos están a sufrir.

Ferrol e Narón a través das súas Xuntas Locais de Seguridade nas reunións do 27 de outubro e 17 de novembro do 2025, respectivamente, solicitaron ao Goberno de España un incremento de efectivos e medios. Neste senso, lamentamos as declaración públicas que tentan atribuír aos concellos a responsabilidade por albergar campamentos de venta de estupefacientes, presencia que se mantén dende hai anos. Os concellos carecen de competencias nesta materia, polo que non resulta admisible empregar este drama como instrumento de política partidista.

A Mancomunidade considera imprescindible reforzar a presenza policial na comarca co incremento de número de efectivos e coa creación inmediata da Unidade de Prevención e Reacción (UPR), compromiso asumido pola Subdelegación do Goberno na Xunta de Seguridade local de Ferrol en outubro do 2025, e que, a día de hoxe, non se fixo efectivo.

A implantación da UPR resulta clave para mellorar a capacidade de prevención, reacción e intervención fronte ás distintas situacións que afectan á seguridade cidadá en Ferrolterra. Ferrol, xunto con Lugo e Pontevedra, son as únicas cidades que non contan con esta unidade, o que evidencia a urxencia da súa creación xa que se trata dun elemento básico na configuración do modelo de seguridade na comarca.

Tamén considera imprescindible dotar de máis medios materiais aos profesionais que traballan para garantir a seguridade cidadá, de acordo cos comunicados dos seus representantes.

Así mesmo, a Mancomunidade comprométese a continuar co traballo coordinado de todas as policías locais, co obxectivo de fortalecer a colaboración intermunicipal e a cooperación cos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Por todo isto, dende a Mancomunidade ínstase ás administracións competentes, en particular ao Goberno do Estado, a cumprir cos compromisos adquiridos e impulsar de maneira urxente as medidas necesarias para facer efectivo o reforzo da seguridade e a loita contra o tráfico de drogas, en beneficio do conxunto dos veciños de Ferrolterra.

Lea también

La Xunta traslada al Foro cidadán polo ferrocarril sus propuestas para mejorar la movilidad en Ferrolterra

El conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ha mantenido una reunión con el …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *