O encoro da Ribeira volverá ser escenario dunha cita deportiva de primeiro nivel esta fin de semana coa celebración do Campionato Galego de K2 e C2, unha proba organizada polo Club Grupo Xuvenil As Pontes que reunirá na vila a centos de deportistas de toda Galicia.
Despois de ter acollido no pasado importantes competicións de vela e piragüismo, este enclave natural quedara nun segundo plano como pista de regatas. Coa organización deste campionato, o Grupo Xuvenil aposta pola recuperación do encoro da Ribeira como espazo idóneo para a práctica e promoción do deporte náutico.
A competición disputarase o sábado 7 e contará coa participación de 33 clubs, con máis de 300 embarcacións en liza e arredor de 700 deportistas, pertencentes a categorías que van desde infantís ata veteranos.
A proba foi presentada oficialmente nas Pontes coa presenza do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, quen puxo en valor a recuperación do encoro da Ribeira para a celebración de competicións deportivas. No acto tamén participaron a concelleira de Deportes, Elena López, o presidente do Grupo Xuvenil As Pontes, Ernesto Gancedo, e o histórico padexeiro Antonio Polo.
Durante a presentación, destacouse que o campionato estará centrado en embarcacións dobres, tanto en kaiak (K2) como en canoa (C2), e que reunirá ao mellor do presente e do futuro do piragüismo galego.
A xornada deportiva dará comezo ás 10.00 horas coa primeira das saídas previstas eprolongarase ao longo de todo o día, xa que pola tarde se disputarán tres mangas máis, ofrecendo unha intensa xornada de piragüismo no encoro da Ribeira.
Desde o Concello das Pontes destácase a importancia deste tipo de eventos para a promoción do deporte, a posta en valor dos espazos naturais do municipio e a dinamización social e económica da vila.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

