A Deputación licita por 92.885€ unha área de autocaravanas en Cabanas

O proxecto, financiado con fondos Next Generation UE no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume, sae a licitación por segunda vez.

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación por segunda vez as obras de urbanización da área de autocaravanas do concello de Cabanas, logo de quedar deserta a primeira convocatoria. O proxecto conta cun orzamento de 92.885,36 euros e está financiado con fondos Next Generation EU, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume.

A actuación permitirá acondicionar unha parcela municipal no lugar de As Agras, colindante co campo de fútbol, cunha superficie de preto de 6.000 metros cadrados para a creación dunha área específica destinada ao estacionamento e servizo de autocaravanas, reforzando a oferta turística sostible do municipio e da comarca.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que “o turismo itinerante é unha realidade en auxe e require infraestruturas axeitadas que permitan compatibilizar a acollida de visitantes coa protección de espazos naturais de alto valor, como as Fragas do Eume” e lembrou que en A Capela estase a desenvolver un proxecto do PSTD para a creación dun aparcamento disuasorio e un servizo de lanzadeira en vehículo eléctrico para levar aos visitantes ao parque natural.

O proxecto de Cabanas inclúe a creación de prazas de estacionamento adaptadas, a instalación dun punto de subministración de auga potable, zonas para o baleirado de augas grises e negras e un ecopunto para a recollida selectiva de residuos, ademais de traballos de urbanización, sinalización e mellora da accesibilidade.

Esta área de autocaravanas dará resposta a unha demanda crecente no municipio, especialmente nos meses de maior afluencia turística, permitindo ao Concello de Cabanas ordenar o estacionamento, mellorar os servizos aos visitantes e seguir avanzando nun modelo de turismo sostible.

A actuación cumpre cos criterios de sustentabilidade e co principio europeo de non causar dano significativo (DNSH), incorporando solucións de baixo impacto ambiental e medidas de integración paisaxística. O proxecto enmárcase na estratexia do PSTD Fragas do Eume para favorecer un turismo desestacionalizado e de calidade, ligado ao patrimonio natural e cultural da comarca.

Lea también

Neda acolle o luns día 2 un obradoiro gratuíto sobre alimentación saudable

Preto de 30 persoas confirmaron inscricións no obradoiro de alimentación saudable que o Concello de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *