Aínda cunha maior actividade, a sanidade pública galega garantiu o tempo medio de espera por debaixo dos 30 días establecidos para unha prioridade 1, situándose en tan só 20,2 días no pasado ano.
Vídeo do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño-Fuente Xunta de Galicia
Os hospitais do Servizo Galego de Saúde incrementaron nos últimos dez anos en case un 60 % as intervencións cirúrxicas de prioridade 1, acadando a cifra de 27.560 realizadas en 2025. En concreto, no ano pasado realizáronse 2.563 cirurxías de prioridade 1 máis que no ano 2023 (27.560 en 2025 fronte ás 24.997 do ano 2023), o que supón un 10,3 % máis de actividade. Con respecto a hai dez anos, a 2015, a actividade de cirurxías de prioridade 1 incrementouse un 58,8 %, pasando de 17.353 intervencións en 2015, ás 27.560 rexistradas en 2025; isto é, 10.207 operacións prioridade 1 máis.
Cómpre remarcar que, aínda con todo este incremento de actividade, a sanidade pública galega logrou manter os tempos de espera moi lonxe dos 30 días establecidos para unha prioridade 1, o que supón que o Servizo Galego de Saúde leva anos cumprindo este indicador de calidade de xestión de lista de espera por baixo dos 21 días.
As cirurxías de prioridade 1 no ano 2009 tiñan un tempo medio de espera de 28,3 días e ese tempo medio de espera no ano 2025 reduciuse a tan só 20,2 días.
Xunto co anterior, un factor a resaltar é o tempo cirúrxico que precisan as operacións de prioridade 1, que é moi superior á media global do resto de cirurxías, posto que duran 45 minutos máis. En concreto, o tempo medio das cirurxías do Servizo Galego de Saúde está ao redor dos 95 minutos, mentres que nas cirurxías de prioridade 1 ese tempo medio é de 140 minutos.
Así, no pasado ano as cirurxías de prioridade 1 supuxeron 1.922 horas adicionais de quirófano respecto ao 2023 e 7.655 horas adicionais máis que no 2015.
Incremento da actividade en decembro, pese a folga contra o Estatuto Marco
É de resaltar o incremento rexistrado nos meses de decembro dos dous últimos anos no número de intervencións realizadas de prioridade 1, superando as 2.000 cirurxías por vez primeira no ano 2024 e manténdose tamén en 2025, e isto a pesar de que no ano que acaba de rematar houbo unha folga contra o Estatuto Marco do Goberno central durante unha semana que impactou de xeito notable na actividade cirúrxica, na realización de probas diagnósticas e nas consultas.
A maior demanda cirúrxica nas patoloxías de prioridade 1 está a medrar ano tras ano debido a factores multifactoriais, sendo un dos principais o feito de que a poboación galega cada vez vive máis anos en boas condicións e máis activos e que, ademais, Galicia é referente en coidados en oncoloxía.
Constátase unha evolución exponencial que acredita que, ano tras ano, existe un incremento moi significativo deste tipo de cirurxías, que teñen que realizarse nun tempo non superior a 30 días.
As cirurxías de prioridade 1 poñen a proba o circuíto asistencial nos servizos sanitarios públicos, xa que non permiten demora e condicionan a programación cirúrxica semanal, co fin de cumprir cos compromisos de tempo medio de espera inferior a 30 días, algo que, como se ten dito, a sanidade pública galega está logrando.
As intervencións cirúrxicas de prioridade 1, en comparación a todas as cirurxías programadas no Servizo Galego de Saúde, van en aumento ano a ano. Respecto ao ano 2014 non só se incrementou o número total de cirurxías de prioridade 1 realizadas, senón que tamén este tipo de operacións supuxeron un maior peso porcentual sobre o total de cirurxías realizadas, situándose ao redor do 25 %.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
