O Concello das Pontes continúa a traballar para mellorar a calidade de vida das familias da localidade. A través do seu programa de atención socioeducativa, pon á disposición recursos e actividades pensadas para acompañar, apoiar e fortalecer ás familias no seu día a día.
O programa ofrece atención personalizada, orientación e actividades que fomentan o desenvolvemento social, educativo e emocional de nenos e nenas, contribuíndo a unha comunidade máis inclusiva e solidaria.
Desde a súa posta en marcha, centos de menores e familias beneficiáronse do programa, mellorando as súas competencias educativas, sociais e emocionais e contribuíndo a consolidar unha comunidade máis forte, inclusiva e cohesionada. Impulsado pola concellería de Benestar Social, en coordinación cos centros educativos, o programa traballa en diversos ámbitos —social, cultural, académico, relacional e actitudinar — para ofrecer apoio integral ás familias e á poboación menor.
Este enfoque permite previr situacións de risco, fortalecer as habilidades das familias para afrontar desafíos e garantir que todos os menores poidan acceder a oportunidades educativas e de desenvolvemento en igualdade.
Segundo Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Educación, “o programa permite ás familias reflexionar sobre a súa práctica educativa, compartir experiencias e adquirir estratexias que favorecen unha convivencia máis harmoniosa. Consolidouse como un recurso fundamental para apoiar ás familias e á rapazada das Pontes, adaptándose ás súas necesidades ao longo do tempo”.
O programa estrutúrase en dous proxectos principais. Por unha banda, o Reforzo Educativo, dirixido a menores de entre 6 e 17 anos e ás súas familias, que, en coordinación cos centros educativos, trata de mellorar as competencias educativas e sociais do alumnado do municipio, fomentar a autonomía, a autoestima e a responsabilidade así como educar en valores transversais.
Este proxecto tamén ten como obxectivo promover a socialización dos e das menores e das familias e complementa a intervención das técnicas de servizos sociais e durante este curso participan 23 alumnos e alumnas dos centros educativos da vila. Por outra banda, Espazo en Familia céntrase en acompañar ás familias na crianza e educación dos seus fillos, proporcionando ferramentas para afrontar de forma positiva e construtiva os conflitos naturais da convivencia.
Este proxecto inclúe titorías individuais e encontros grupais nos que se analizan e debaten temas educativos, fomentando a aprendizaxe de pautas educativas e habilidades de comunicación asertiva, sempre baixo a supervisión de profesionais especializados.
Unha parte importante do programa é a proposta educativa nos centros, adaptada a cada etapa escolar. Na Educación Infantil, trabállanse a educación emocional, a alimentación saudable e o respecto polo medio ambiente a través do xogo e experiencias prácticas. En Primaria, o alumnado aprende a xestionar emocións, respectar a diversidade, coidar da saúde e usar a tecnoloxía de forma responsable mentres que na ESO e FP Básica, a proposta céntrase no desenvolvemento integral: benestar emocional, autoestima, habilidades sociais, educación afectivo sexual, pensamento crítico e hábitos saudables. Esta formación transversal combina coñecementos, valores e habilidades que contribúen ao benestar persoal e social do alumnado.
Ao longo destes anos, o programa permitiu previr situacións de risco, apoiar a menores en situación de vulnerabilidade, mellorar o rendemento escolar e promover a igualdade de oportunidades e a súa a súa eficacia, en palabras de Tania Pardo, “radica na combinación de intervención directa cos menores, apoio ás familias e colaboración cos centros educativos e outros recursos municipais, garantindo un servizo integral e adaptado ás necesidades de cada participante.
Asi mesmo, Tania Pardo subliña que “o Programa de Atención Socioeducativa é un exemplo do compromiso do goberno municipal co benestar das familias e coa igualdade de oportunidades para toda a poboación nova da vila. Investir en educación, acompañamento familiar e formación integral do alumnado non só mellora a vida de cada participante, senón que contribúe a construír unha comunidade máis forte, solidaria e inclusiva”.
Apunta tamén que “o Concello das Pontes continuará reforzando este proxecto como parte das súas políticas sociais e educativas, garantindo que todas as familias dispoñan de recursos que favorezan a educación de calidade, a integración social e o desenvolvemento pleno da mocidade do municipio”
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

