Sandra Permuy chama a reforzar a representación do BNG nas Cortes do Estado para aumentar a capacidade de incidencia política e conseguir máis avances.

O Bloque Nacionalista Galego mantén un encontro coa veciñanza de Fene para trasladar o balance do traballo que está a desenvolver a organización nacionalista nas Cortes do Estado e explicar os avances conseguidos nesta lexislatura en beneficio da Galiza e da comarca de Ferrol. No acto participa o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy.
Durante o encontro, a alcaldesa de Fene puxo en valor a importancia de que o BNG conte con representación propia e forte nas institucións estatais para defender os intereses do país e no concreto da veciñanza de Fene. Neste sentido, destaca que a presenza nacionalista nas Cortes permite “levar a voz da Galiza a Madrid e defender as necesidades reais dos nosos concellos e das nosas comarcas”.
Neste sentido, Sandra Permuy insiste na necesidade de reforzar a representación do BNG nas Cortes do Estado para aumentar a capacidade de incidencia política. “Un BNG con catro ou cinco deputados tería máis capacidade para condicionar as políticas do Goberno do Estado e conseguir máis avances para a Galiza” incide. Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca que o traballo desenvolvido pola organización nacionalista está permitindo colocar as prioridades da Galiza no debate político estatal e impulsar medidas concretas que melloran a vida da cidadanía.
Entre os avances conseguidos polo BNG, o deputado nacionalista salienta medidas de carácter social como o aumento das pensións mínimas e non contributivas, o incremento das semanas por permiso de maternidade e paternidade ou a creación de xulgados específicos de violencia machista.
No ámbito das infraestruturas, Rego pon en valor as iniciativas impulsadas polo BNG para mellorar a mobilidade ferroviaria na Galiza, así como o impulso a proxectos relevantes para a comarca de Ferrol, como a modernización do ferrocarril e o avance do proxecto do by-pass de Betanzos ou a mellora da liña Ferrol–A Coruña. Tamén, a inclusión de Fene e Ferrol na futura rede de tren de proximidade que o BNG incorporaou ao Acordo de Investidura.
“Hai actuacións que o Goberno do Estado non impulsaría se o BNG non estivese e hai actuacións que se fará é porque o BNG estará insistindo” afirma o deputado nacionalista, subliñando que a presenza do BNG nas cámaras do Estado é “determinante” para avanzar en cuestións fundamentais para a Galiza.

Rego sinala tamén que o BNG levou ás Cortes do Estado todas as cuestións relevantes que afectan á comarca de Ferrol, desde o futuro do sector naval e a situación de Navantia até as necesidades en materia de infraestruturas e financiamento.
“As forzas de ámbito estatal altérnanse na discriminación coa Galiza: din unha cousa cando están na oposición e fan a contraria cando están no Goberno” denuncia Rego, poñendo como exemplo cuestións como a transferencia da AP-9 ou o debate sobre o rescate da concesión da autoestrada.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.