A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o concurso de ideas para a redacción do proxecto básico e de execución, así como a codirección da obra, da Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) de As Pontes, un equipamento innovador que levará o nome de Pardo Bazán ao e que marcará un punto de inflexión no modelo de atención residencial ás persoas maiores na provincia. Os proxectos poden presentarse ata o 12 de marzo.
O importe da licitación do contrato de redacción do proxecto ascende a 253.673 euros, mentres que o orzamento total estimado da obra sitúase en 5.234.792 euros (IVE incluído). O futuro centro emprazarase na parcela que ocupaba o antigo colexio Pardo Bazán, na rúa do mesmo nome, nun solar de 6.680 metros cadrados situado nunha contorna semiurbana das Pontes de García Rodríguez.
Esta infraestrutura será a primeira das tres Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) que a Deputación da Coruña ten previsto implantar na provincia, xunto coas que se proxectan nos concellos de Rianxo e Ordes, e constitúe a base dun novo modelo residencial público, máis humano, próximo e centrado nas persoas.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que “as Casas de Acompañamento supoñen un cambio profundo na forma de entender os coidados ás persoas maiores, apostando por un modelo máis humano, máis próximo e que pon ás persoas no centro”.
Formoso subliñou que “non falamos de grandes residencias masificadas, senón de fogares, de espazos pensados para vivir con dignidade, autonomía e acompañamento, mantendo os vínculos coa contorna e coa comunidade”.
Un novo modelo de atención centrado na convivencia e na vida cotiá
A CAM Pardo Bazán das Pontes terá capacidade para 59 persoas residentes e organizarase en catro unidades de convivencia, concebidas como pequenas residencias independentes que reproducen un ambiente doméstico e afastado da estética hospitalaria que caracteriza á maioria das residencias de maiores.
Segundo se especifica nos pregos, cada unidade contará con salas de estar, comedor e cociña propios, fomentando a vida en común e a continuidade dos hábitos cotiáns das persoas residentes. As prazas repartiranse entre habitacións individuais e dobres, cunha porcentaxe superior ao 35 % de cuartos individuais, todas elas con baño accesible.
Segundo explicou Valentín González Formoso, “este modelo garante unha atención máis personalizada, respectuosa cos ritmos e preferencias de cada persoa, e responde mellor ao que hoxe demandan as persoas maiores e as súas familias”.
Un centro aberto á comunidade e integrado no territorio
Un dos piares do proxecto é evitar o desarraigo dos maiores, con centros abertos á comunidade. A Casa de Acompañamento contará con espazos específicos para actividades compartidas entre as persoas residentes, as súas familias e a veciñanza, reforzando os vínculos sociais e evitando situacións de illamento.
O complexo incluirá unha sala multiusos, estancias para reunións familiares, áreas para actividades terapéuticas e culturais, así como amplas zonas exteriores axardinadas. Entre estas destacan os espazos de paseo, as hortas urbanas e as zonas destinadas a animais de terapia, favorecendo o envellecemento activo.
Arquitectura, sustentabilidade e identidade común
O concurso de ideas permitirá seleccionar unha proposta arquitectónica que dea resposta tanto aos requisitos técnicos e normativos como á filosofía social do proxecto. O prego establece criterios claros de accesibilidade universal, sustentabilidade, eficiencia enerxética e uso de materiais respectuosos co medio ambiente, así como a creación de espazos cálidos e recoñecibles como fogar.
A Deputación busca tamén que as futuras Casas de Acompañamento compartan unha identidade común como rede pública provincial, mantendo unha imaxe recoñecible e coherente. As CAM das Pontes, Rianxo e Ordes levarán o nome de persoeiros destacados da cultura galega. No caso das Pontes, manterá o nome de Pardo Bazán.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

