As Pontes acolle o Concerto Madame Bird e Super F

O Auditorio Municipal Cine Alovi en As Pontes será o escenario, o vindeiro 20 de febreiro ás 20:30 horas, dun concerto que reunirá dúas propostas musicais de gran personalidade: Madame Bird e a banda pontesa Super F.

Madame Bird é o proxecto liderado por Carla de Figueredo, unha das voces máis destacadas da escena soul e música negra galega. Tras dous anos de xira por distintas salas interpretando versións de rocksteady e northern soul, a artista inicia unha nova etapa coa gravación de Old Souls, un disco de marcado carácter souleiro que consolida unha proposta artística sólida e persoal. A súa voz poderosa e chea de matices remite a referentes clásicos como a primeira Aretha Franklin ou Etta James.

Os temas de Madame Bird combinan influencias que van desde o northern soul máis tradicional ata o R&B máis enérxico, pasando polo jazz crooner dos anos cincuenta e as baladas da Chess Records dos anos sesenta. En directo, Carla de Figueredo preséntase acompañada por José Triay (guitarra), Toño Martín (baixo), Diego Rois (teclas e coros) e Alberto Camba (batería), ofrecendo unha actuación intensa e coidada.

Xunto a ela estará Super F, banda das Pontes cunha ampla traxectoria dentro do rock galego e estatal, que regresa ao Auditorio Municipal dous anos despois da exitosa presentación do seu EP Puñales.

Formados en 2010, debutaron discograficamente en 2011 con Sin Aliento, un traballo de rock directo e pegadizo con letras en castelán e influencias blues e pop. En 2013 publicaron Canciones incendiarias, un EP máis cru e gravado en directo, no que buscaron reflectir a enerxía dos seus concertos.

Tras unha pausa iniciada en 2015, durante a que percorreron escenarios de todo o Estado co seu tributo a Jimi Hendrix (On Fire) e realizaron diversas colaboracións, Super F retomaron o proxecto en 2024 cun son máis sólido e rockeiro ca nunca. Na actualidade preséntanse como power trío, cun repertorio que combina temas novos e antigos ben rodados, cheos de riffs musculosos e estribillos potentes e pegadizos.

Dúas propostas con identidade propia, que conflúen nun concerto pensado para ofrecer unha experiencia musical intensa e de calidade, no que Madame Bird e Super F prometen non deixar indiferente ao público.

As entradas para o concerto teñen un prezo de 5 euros e xa están dispoñibles na plataforma https://aspontes.sacatuentrada.es/

Lea también

En la tarde de este viernes, atractivo concierto de órgano en la concatedral de San Julián

La Asociación de Amigos del Órgano de San Julián continúa dando pasos firmes en su labor de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *