A Deputación da Coruña inviste case medio millón de euros en financiar servizos de normalización lingüística

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) publica esta semana a resolución de concesión provisional das subvencións do programa FONL, dirixido aos concellos e outras entidades locais para financiar os gastos de persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2026. Ao abeiro desta convocatoria, a institución investirá case medio millón de euros para atender 25 solicitudes que abranguen corenta municipios.

A deputada de Lingua, Sol Agra, destaca que «o persoal técnico de normalización lingüística desempeña un papel fundamental para facer efectivo o dereito da cidadanía a vivir en galego, e desde a Deputación entendemos que apoiar estes servizos é unha achega imprescindíbel neste senso».

Así mesmo, fai un chamamento aos concellos da provincia a solicitaren a axuda, lembrando que o orzamento previsto non se chegou a esgotar nesta convocatoria. De feito, o programa contaba cun orzamento de 540 000 euros, mais o total total de axudas concedidas provisionalmente é de 496 000.

Axudas de até 20 000 euros

As axudas diríxense a concellos de máis de 5000 habitantes ou a agrupacións de municipios. As contías propostas na concesión provisional oscilan entre os 18 000 e os 20 000 euros, en función das condicións recollidas na convocatoria. En total aceptáronse 25 peticións que agrupan un total de corenta concellos.

Presentaron solicitudes individuais Abegondo, A Coruña, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Carral, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Outes, Pontedeume, Ponteceso, Ribeira e Teo. Presentaron peticións conxuntas A Baña e Negreira, Carnota e Mazaricos, Corcubión e Fisterra, Dodro e Rois, así como Dumbría e Zas. Completan a relación as inicitivas conxuntas de concellos da Mancomunidade de Ferrol (Ares, Cabanas, Cedeira, Neda e Valdoviño) e de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo).

O programa FONL ten como obxectivo xeral reforzar o uso do galego tanto no ámbito administrativo como no social, contribuíndo ao mantemento e á mellora das políticas de normalización lingüística no ámbito local. Esta liña de axudas insírese no traballo continuado da Área de Lingua da Deputación da Coruña para apoiar os servizos municipais que desenvolven actuacións de normalización e promoción da lingua galega.

As subvencións están destinadas a financiar gastos de persoal técnico dos servizos de normalización lingüística, permitindo a contratación anual de persoal especializado a xornada completa por parte das entidades locais beneficiarias, de acordo co establecido nas bases reguladoras do programa.

Lea también

Ortigueira repartirá 3.700 euros en premios en su Concurso de Disfraces de Entroido

El desfile del concurso tendrá lugar el lunes 16 de febrero a partir de las …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *