Os Premios Youtubeiras+ baten récord de participación con 126 canais e celebrarán a súa gran gala en Ferrol

O Teatro Jofre acollerá o 7 de febreiro a entrega de galardóns dunha edición que se abre a todas as redes sociais.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentou a novena edición dos premios Youtubeiras+, que xa ten finalistas. No acto, no que tamén participou a concelleira de Normalización Lingüística, Patricia Cons, e a deputada de Igualdade e Lingua, Sol Agra, avanzouse que un total de 28 canles aspiran a levar algún dos sete galardóns deste certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e a da Deputación da Coruña.

As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha gala que este ano terá lugar no teatro Jofre o sábado 7 de febreiro, ás 19.00 horas.

O alcalde, José Manuel Rey Varela, puxo en valor a “importante e estreita colaboración entre institucións” que fai posible este proxecto.

Para o rexedor, Youtubeiras+ é unha iniciativa que ten entre as súas virtudes “a vontade de poñer o foco” nunha cuestión fundamental para “o futuro da nosa lingua, as novas xeracións e a súa forma de comunicarse, de relacionarse e, en definitiva, de ser e de estar no mundo”.

Rey Varela destacou, ademais, a aposta decidida do concello por iniciativas que, como Youtubeiras+, “crean puntos de encontro arredor da lingua” e subliñou que “a nosa lingua é plenamente válida para crear, innovar e comunicarse no mundo dixital”.

126 CANLES PARTICIPANTES

A concelleira de Normalización Lingüísitica, Patricia Cons, avanzou que nesta edición rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, “bate a marca histórica do concurso e supera a cifra colleitada na edición anterior”.

O ano pasado participaron un total de 89 canles, mentres que na edición de 2023 o número ficou nas 68. “Por vez primeira, o concurso abriuse á participación de canles de todas as redes sociais”, revelou. Antes, ata 2023, limitábase ás canles de YouTube, e en 2024 ampliouse a participación tamén a TikTok.

«Nesta edición, que recoñece o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na Rede ao longo de 2025, permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas, entre as cales Instagram é a rede social con máis presenza, ao achegar un total de 81 contas distintas”, subliñou.

En relación ao Premio do Público, Cons recordou que é a categoría que decide a comunidade de internautas que propuxeron primeiro as candidaturas para despois, cos seus votos, decidir a proposta gañadora. “Nesta novena edición, as seareiras e os seareiros do proxecto propuxeron 49 vídeos para optar a este premio e emitiron 2.326 votos, votos que deciden a proposta gañadora que coñeceremos o próximo 7 de febreiro”.

O JOFRE, ESCENARIO DA GALA

A deputada de Igualdade e Lingua, Sol Agra, uniuse ao alcalde de Ferrol á hora de celebrar a colaboración institucional. “Youtubeiras+ amosa unha capacidade de unión fundamental para a nosa lingua”, sinalou, Agra e celebrou a implicación de Ferrol neste proxecto.

Así o Jofre acollerá a cerimonia de entrega de premios nunha gala presentada por Carlos Vieto, de Exército Mekemeke, e Leila Fernández, d’O faiado pódcast. Agra revelou que os Premios Youtubeiras+ contan por vez primeira coa categoría de Premio ao Mellor Pódcast e por ese motivo a gala significará, en certo xeito, a gravación ao vivo do primeiro episodio dun pódcast moi especial: o Pódcast Youtubeiras+.

Os premios teñen sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Calidade lingüística, Revelación, Rede e o Premio do Público. Todos contan cunha dotación de 1000 euros, agás as dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden a 1.250 euros. E o xurado desta edición está integrado por: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.

O alcalde aproveitou para convidar á cidadanía participar deste evento o próximo sábado 7 de febreiro. As entradas son gratuítas e poderán retirarse a través da plataforma ataquilla.com os próximos días, ou ben o propio día no despacho de billetes do Teatro Jofre.

RELACIÓN DE FINALISTAS POR CATEGORÍAS
A relación de finalistas pódese consultar na páxina web  https://youtubeiras.gal/ (Entre parénteses especifícase o concello de residencia das persoas creadoras)

Premio á Creación de Contidos
• Aradeira de Súa (Ribeira)
• Konachadas (Concello de orixe: Viveiro, na actualidade reside en Rois)
• @adochinto (Porto do Son e Santiago de Compostela)
• @miguelblesta (Brión)

Premio á Mellor Canle
• antontisimo (@ant0ntisim0) (Burela)
• carlotaghatos (Melide)
• Rodri Míguez (Redondela e Bueu)
• Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son)

Premio ao Mellor Pódcast
• A ferida aberta no 36 (Santiago de Compostela)
• Diversos Pódcast (Ribeira)
• Fóra de Mapa Pódcast (Meis e Vigo)
• Prendidísima (Santiago de Compostela)

Premio á Calidade Lingüística
• daviidraamos_ (Cariño)
• @diegoauxx (Vigo)

. LongaLingua (Santiago de Compostela)
• @patriiotero (Santiago de Compostela)

Premio Revelación
• @langrans_ (Ourense)
• Mareando o xogo (Malpica de Bergantiños, Costa da Morte)
• @miradenovo (Bueu)
• O búnker debuxos (Ferrol)

Premio Rede
• ChutenMeme (Santiago de Compostela)
• Descifrando a Historia (A Caniza)
• Galiactiva (Ourense)
• Noticias Dispersas (Ourense)

Premio do Público
• «Cada historia, unha vida». 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela (Culleredo)
• «Caldo de repolo», de Pakolas. Música infantil en galego, de Pakolas (Oleiros)
• FICACOABOLA NUNS CUARTOS DE FINAL DE CONFERENCE LEAGUE | O noso blog máis especial con Miki Villar!, de Fica Coa Bola (Pontevedra e Santiago de Compostela)
• Os Bolechas van a servizos sociais, de ChutenMeme (Santiago de Compostela).

 

Lea también

El Casino Ferrolano, protagonista de la primera de la «Rutas Culturais» de la UDC

  El área de Cultura de la Universidade da Coruña (UDC) inicia, el próximo sábado …