Luz verde en Narón á Senda do Trece, unha vella reivindicación da veciñanza de Sedes e San Xiao

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, acompañou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na presentación do proxecto da Senda do Trece á veciñanza de San Xiao. No acto tamén estiveron presentes a deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez e os edís de Obras, Pablo Mauriz, e Medio Ambiente, Manuel Ramos.
 
 
A actuación vén dar resposta a unha vella demanda do Concello de Narón, trasladada á Deputación provincial en diferentes ocasións, para mellorar a seguridade viaria nas estradas da súa titularidade, entre elas a DP-5404, especialmente no que atinxe á protección dos peóns. Nos escritos remitidos, o Concello instaba a administración provincial a dotar estas vías de beirarrúas ou sendas peonís, como a que agora se anuncia.
 
Cómpre lembrar que no ano 2023 o Pleno do Concello de Narón aprobou unha declaración institucional na que apoiaba expresamente a solicitude da veciñanza de Sedes e San Xiao para a dotación de beirarrúas, trasladando o acordo á Deputación da Coruña e instándoa a dar unha solución a esta problemática.
 
Durante a presentación, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, valorou moi positivamente a iniciativa. “Falamos dunha estrada cun tráfico importante, que necesita dunha senda peonil porque a veciñanza non ten nin sequera como achegarse con seguridade ás vivendas lindeiras”, sinalou. Ferreiro cualificou a actuación como “necesaria e moi útil” e agradeceu que a Deputación “tivese en conta esta demanda histórica para que se materialice canto antes”.
 
 
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dunha actuación “reclamada desde hai moito tempo pola veciñanza” e subliñou que “vai supoñer a execución dunha senda peonil dun metro e oitenta de ancho ao longo de quilómetro e medio pola marxe esquerda da estrada, nunha primeira fase dun proxecto máis amplo”.
 
 
O presidente provincial engadiu que “é unha intervención que redunda directamente na seguridade viaria da veciñanza” e expresou o desexo de que “se poida executar no menor tempo posible”. Segundo explicou a deputada provincial, a actuación contará cun investimento de 480.000 euros. A nova senda discorrerá moi preto dalgunhas vivendas, polo que nalgún tramo será preciso axustar lixeiramente o trazado actual da estrada.
 
O percorrido estará pavimentado en formigón e contará cun sistema para recoller a auga da chuvia, ademais da sinalización necesaria para garantir a seguridade tanto de peóns como de condutores. As obras tamén obrigarán a desprazar algúns postes da luz e telecomunicacións. Para levar a cabo o proxecto será necesario ocupar determinados terreos alleos á estrada, polo que se tramitarán as correspondentes expropiacións. O prazo previsto para executar as obras é de seis meses.

Lea también

Un motorista herido grave al colisionar contra él un coche, en Xuvia, Narón

  Un motorista resultó herido al colisionar con su vehículo contra un coche, en la …