As fases clasificatorias terán lugar o 2 e 3 de marzo.
A concellería de Normalización Lingüística de Ferrol, á frente da que se atopa Patricia Cons, avanzou que dous equipos do IES Canido e un do IES Saturnino Montojo participarán na edición 2026 do Club de Debate Alingua.
Nesta edición están inscritos un total de 37 equipos de 13 concellos, sumando arredor de 400 persoas, entre alumnado e profesorado. Os participantes son alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes, que integran equipos formados por grupos dun máximo de 10 membros e que contan cun docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística organizado desde varios concellos polas áreas respectivas de dinamización lingüística, para favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais. Ademais, contribúe a promover o pensamento crítico e analítico e fomentar a diversidade de opinións, tolerancia e traballo en equipo.
As fases clasificatorias para os equipos de Ferrol, Narón, Betanzos e Pontedeume terán lugar o 2 e 3 de marzo no municipio de Narón.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
