O Concello de Narón, a través do servizo de Protección Civil, continúa a impulsar accións formativas dirixidas á mellora da seguridade cidadá e á capacitación de colectivos locais en materia de primeiros auxilios, prevención e resposta ante emerxencias.
Neste marco, este xoves 15 de xaneiro desenvolveuse unha formación en Soporte Vital Básico e uso do Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA) coas entidades usuarias do pavillón do Val. Esta acción formativa organízase con motivo da instalación dun DESA neste equipamento deportivo, que se levará a cabo unha vez finalizado o curso.
Na sesión formativa participou persoal do Club de Hockey e do centro de Chamorro. Así mesmo, está prevista unha nova formación específica para o profesorado do CRA, pendente de concretar datas. Por outra banda, o 22 de xaneiro celebrarase unha nova xornada formativa no marco das accións de acompañamento que o Concello realiza coas comisións de festas para a organización de eventos seguros. Nesta sesión abordaranse cuestións relacionadas coa conduta segura, os primeiros auxilios e a prevención e loita contraincendios.
Desde o Concello de Narón avanzan tamén que en breve se realizarán formacións similares ás do DESA do pavillón do Val noutros centros sociais do municipio, estando xa previstas actuacións no Centro de Xubilados de Santa Icía e no local social de Sedes.
Con estas iniciativas, o goberno local reafirma o seu compromiso coa prevención, a seguridade e a formación da cidadanía como eixos fundamentais para unha resposta eficaz ante situacións de emerxencia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
