O Pleno do Concello das Pontes aprobou o POS Adicional 1/2026 da Deputación da Coruña, destinado a reforzar os servizos sociais municipais, cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e do BNG.
Este plan provincial permitirá reforzar os servizos sociais das Pontes cun investimento total de 162.792 euros, que se distribuirán en tres ámbitos prioritarios: persoal, axudas de emerxencia social e Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade de dependencia.
En concreto, 40.039,52 euros destinaranse ao reforzo de persoal dos servizos sociais, mediante a contratación dunha traballadora social por acumulación de tarefas. Esta medida permitirá mellorar a atención á cidadanía e dar resposta ao aumento da carga de traballo derivada do incremento das cargas municipais e do envellecemento da poboación.
Outros 112.753,10 euros corresponderán ao Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia, unha prestación esencial para garantir a atención a persoas maiores e dependentes no seu propio domicilio. Este reforzo económico permitirá facer fronte ao incremento dos custos do servizo e asegurar a continuidade das horas de atención xa concedidas.
Finalmente, 10.000 euros destinaranse á ampliación das axudas de emerxencia social, dirixidas a familias e unidades de convivencia en situación de vulnerabilidade económica, co obxectivo de cubrir necesidades básicas como alimentación, gastos médicos, transporte ou formación.
Desde o goberno local destacan que a aprobación deste POS Adicional da Deputación da Coruña supón un paso importante para fortalecer a rede de protección social das Pontes, poñendo o foco nas persoas, no apoio ás familias e na mellora da calidade de vida da veciñanza máis vulnerable.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
