Un mural colectivo dá unha nova vida á fachada da Casa da Mocidade de Narón

A fachada da Casa da Mocidade de Narón loce desde finais de decembro cunha nova imaxe chea de cor, movemento e mensaxe. Trátase do mural colaborativo do proxecto “Narón a toda cor”, unha iniciativa impulsada polo Concello de Narón na súa aposta pola creatividade xuvenil como ferramenta de expresión e de participación.
 
A actividade desenvolveuse durante o Nadal, entre a mañá do 25 e a tarde do 28 de decembro, e contou coa participación duns 25 mozos, entre eles dous rapaces de entre 12 e 14 anos que tiveron unha implicación destacada no proceso creativo.
 
Ao longo de varios días, a fachada converteuse nun espazo aberto no que a mocidade puido colaborar, propoñer ideas e deixar a súa pegada artística.
 
O mural propón un percorrido polas diferentes alternativas que ofrece a Casa da Mocidade á xuventude de Narón, e está artellado arredor do deporte, a saúde e o compromiso co skate, unha disciplina moi presente no municipio.
 
A composición complétase con referencias á natureza, á música, á lectura, á diversidade cultural e sexual, así como a elementos vencellados á identidade de Narón.
 
Todos estes compoñentes relaciónanse entre si para crear un “ecosistema” visual dinámico e cheo de vida, que se integra na contorna urbana e transforma a fachada nun punto de referencia colorido e atractivo do barrio da Gándara.
 
O resultado é unha intervención artística que non só embelece o espazo, senón que reforza o vínculo da Casa da Mocidade coa mocidade que a utiliza, e co conxunto da veciñanza.
 

Lea también

AD Naútico de Narón destaca no Cto. Galego Master de inverno

Gran actuación do equipo master esta pasada fin de semana no Campionato Galego Master de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *