As representacións do certame terán lugar os venres 30 de xaneiro e 6 e 13 de febreiro, ás 20.30 e con entrada de balde.
O Concello de Cedeira compuxo xa o cartel dun novo ciclo de teatro amador “Fusa Guillén” coas tres obras seleccionadas a través da cuarta edición do certame convocado en novembro pasado e que se representarán no Auditorio Municipal os venres 30 de xaneiro e 6 e 13 de febreiro, sempre ás 20.30 horas e con entrada de balde.
O grupo de teatro amador da Asociación Cultural Terra de Outes abrirá o ciclo o vindeiro día 30 e as seguintes funcións correrán a cargo da compañía ferrolá Opaí Teatro e da Asociación Cultural O Bicho da Barra, de Ortigueira.
O grupo de Outes ofrecerá a obra “O doente imaxinario…daquela maneira”, na que fai a súa propia versión da máis famosa peza de Molière. Don Crisanto, un criador de gando bovino adiñeirado e hipocondríaco máximo, ten a oportunidade de casar a súa filla con Florencio Carneiro, criador de gando ovino e recén licenciado en medicina. O conflito xurde porque ela non comparte o gusto do seu pai e a trama vaise complicando coas intervencións da súa segunda muller, da criada, do notario, o boticario… nun enredo con moitos fíos dos que tirar.
Para o 6 de febreiro a obra seleccionada é “Fariña”, da compañía Opaí Teatro. Trátase dunha traxicomedia sobre a historia do narcotráfico en Galicia e como a cobiza e a corrupción poden transformar unha sociedade. Baseada na obra homónima de Nacho Carretero.
O grupo de teatro da asociación ortegana O Bicho da Barra pechará o cartel o día 13 de febreiro coa obra “All you need is war”. Neste caso é un comedia coral, con dramaturxia de Agustín Bolaños, que toma como base textos teatrais de diversas procedencias con temáticas bélicas. Cunha posta en escena baseada na interpretación pura, sen apenas artificios, utiliza a comedia absurda, surrealista, para achegarnos a través da risa unha crítica aos conflictos armados.
O Concello de Cedeira creou no ano 2022 o certame de teatro afeccionado Fusa Guillén para homenaxear a unha dramaturga que removeu a vida cultural cedeiresa impulsando o teatro e a recuperación do Samaín, entre outras cousas. Os grupos seleccionados recibirán 600€ en concepto de gastos pola actuación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.