Teatro, Callos&Blues e actividades infantís no San Vicente 2026 da Agrupación Instrutiva de Caamouco

A primeira das xornadas do Patrón será este sábado e estará dedicada ao teatro, coa representación da obra ‘Fariña’.

San Vicente 2024- Foto Agrupación Instrutiva de Caamouco

A Agrupación Instrutiva de Caamouco ten todo a punto para vivir ao grande o San Vicente 2026. A entidade volve encargarse un ano máis da organización da parte festiva do patrón da parroquia, reforzando a aplaudida fórmula de apostar por actos alternativos para as festas patronais. Así, a programación incorpora unha terceira xornada dedicada ao teatro, que se suman ás xa habituais propostas musicais, gastronómicas e infantís. ‘Seguimos apostando por un formato diferente para celebrar as nosas festas patronais, con propostas alternativas que dende hai anos atraen a cada vez máis público a Caamouco’, explican dende a entidade.

Deste xeito, a primeira das actividades terá lugar xa este sábado, 17 de xaneiro, coa representación ás 19:00 horas da obra ‘Fariña’. Trátase dunha adaptación da coñecida obra de Nacho Carretero, a cargo da compañía ferrolá Opaí Teatro. Estamos a falar dun texto de Jose Prieto que se leva a escena baixo a dirección de Cristina Mariño.

Xa na seguinte fin de semana desenvolveranse o resto dos actos. Así, o sábado 24 dende as 20:00 horas, celebrarase a parte gastronómica e musical, cun renovado ‘Callos&Blues’, mudando o estilo musical, pero mantendo a esencia das edicións anteriores. Desa parte encargase este ano Bad Whiskey. Trátase dunha banda orixinaria de Ferrol, moi activa no panorama musical galego, en especial na nosa contorna. Antes da súa actuación os protagonistas serán os callos, que a Agrupación repartirá de balde con cada consumición.

O domingo 25 a rapazada será a protagonista. A partir das 17:00 horas nenos e nenas de toda a comarca están convidados a participar nunha completa festa infantil, con animación musical e distintos xogos da man de La Guagua. A proposta inclúe tamén maquillaxes de fantasía e tattoos para todos os pequenos que o desexen. Ademais, haberá tamén tempo para merendar cunha chocolatada de balde para todos os asistentes, cortesía da Agrupación Instrutiva.

A programación do San Vicente que organiza a Agrupación Instrutiva de Caamouco conta coa colaboración do Concello de Ares.

Lea también

Aitor Vázquez gaña a modalidade de orquestra do XVI Premio Internacional ‘Andrés Gaos’ de Composición Musical

O xurado adoptou o acordo por unanimidade, destacando a “coherencia formal” e o “coñecemento técnico” …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *