Unha porta vella, un bote de pintura baleiro, tres sofás, un moble de madeira, caixas de cartón, unha cadeira, coxíns, o recheo dun colchón e algúns obxectos máis apareceron ciscados esta mañá ao pé dos colectores da capela da Portela, en San Sadurniño. Un punto de paso moi frecuentado -e relativamente resgardado- preto do límite con Narón que cada certo tempo é motivo de publicacións e avisos a través das redes sociais municipais, precisamente, por ser foco das verteduras ilegais de voluminosos.

E dicirmos «verteduras ilegais» posto que non hai outra maneira de denominalas, xa que son resultado de actos sancionables con multas cuantiosas e os seus efectos repercuten negativamente no ambiente e na paisaxe, ademais de supoñer un gasto importante para o Concello ao ter que dedicar medios para a retirada e tratamento axeitado destes refugallos.
Por esta razón, desde o Goberno local faise unha chamada á concienciación veciñal para que se utilice o servizo gratuíto de recollida de voluminosos -só hai que chamar ao 981 490 027-, pero tamén para que denunciemos estes casos na Garda Civil. Por voluminosos entendemos, entre outros, os seguintes obxectos: somieres, cabeceiro, sillas, mesas, armarios e outros mobles vellos, sofás, quentadores de auga, televisores, lavadoras,
Se despois de estudar todas as posibilidades -restauración, reparación, doazón, etc.- vese que non hai alternativa que compense e que hai que desfacerse do voluminoso para que non siga ocupando espazo inutilmente, o concello informa de tres opcións: levalo pola nosa conta ao Punto Limpo de Narón (co que San Sadurniño ten convenio), depositalo no Punto Limpo móbil co que conta o Concello -que estará estacionado temporalmente na Praza Ramón Díaz Raña desde o 2 de febreiro- ou ben chamar ao Concello para que nolo veñan recoller á porta da casa.
Para solicitar a recollida domiciliaria de voluminosos hai que marcar o 981 490 027 e, posteriormente, cando se xunten varios avisos para planificar a ruta, o Concello volveranos chamar para indicarnos que día debemos botar fóra os voluminosos para a súa retirada.
Se optamos por ir a Punto Limpo de Narón debemos saber que está aberto de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, mentres que os sábados atende de 9:00 a 14:00 horas. O servizo tamén é gratuíto e alí, ademais de voluminosos, tamén podemos deixar tubos fluorescentes e bombillas de baixo consumo, ledes, restos de podas, entullos de pequenas obras, pinturas e disolventes, chatarra e cristais ou espellos que, neste último caso, non deben botarse nunca nos iglús verdes, destinados unicamente a botellas e envases de vidro (sen tapa nin tapón).
Os voluminosos son residuos que polo seu peso e tamaño non poden ser tratados coma o resto de residuos domésticos nin tampouco deixarse arrimados aos colectores obstaculizando o normal funcionamento do servizo de recollida. Por iso o condello insiste en que a eficiencia e os custes do sistema de recollida do lixo dependen en boa medida dunha correcta separación en orixe e do noso compromiso individual coa redución, a reutilización e a reciclaxe; «se o facemos ben, o ambiente e a economía municipal -que é a de todas e todos nós- hánnolo agradecer».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.