As Pontes abre o prazo de inscrición nos campamentos urbanos de Semana Santa

O Concello das Pontes, a través do Centro de Información á Muller (CIM), abre o 25 de febreiro o prazo de inscrición para participar nos Campamentos Urbanos de Semana Santa 2026, unha iniciativa destinada a ofrecer actividades lúdico- educativas ás crianzas do municipio durante o período non lectivo da Semana Santa, favorecendo a conciliación da vida familiar e laboral.

Archivo -As Pontes

A programación desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril de 2026, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As actividades incluirán propostas educativas, deportivas e de lecer adaptadas a cada idade.

Os obradoiros están dirixidos ás crianzas nadas entre 2014 e 2022, podendo participar tamén menores con discapacidade igual ou superior ao 33% que superen o límite de idade, ata un máximo de 14 anos ou no ano no que o/a menor cumpra esa idade, sempre que exista informe que acredite a súa idoneidade e capacidade de integración no grupo.

O programa conta cun total de 30 prazas, sendo necesario un mínimo de 10 inscricións para a súa realización. A inscrición poderá tramitarse no Rexistro Municipal, previa cita, do 25 de febreiro ao 18 de marzo, en horario de 8:30 a 13:30 horas, ou a través da sede electrónica municipal, desde o 25 de febreiro ás 00:00 horas ata o 18 de marzo ás 13:30 horas.

As familias solicitantes deberán estar empadroadas no Concello das Pontes con anterioridade á data da convocatoria, tanto os proxenitores/titores como os menores participantes. A documentación requirida inclúe, entre outros, libro de familia (no caso de primeira inscrición), DNI das persoas solicitantes e menores (no caso de primeira inscrición), certificado de empadroamento ou autorización para a súa comprobación, declaración da renda 2024 ou xustificante de non ter obriga de presentala, certificados de empresa que acrediten que se está traballando e que nas datas solicitadas non se teñen vacacións programadas —ou último recibo de autónomos no seu caso—, así como informes ou acreditacións correspondentes ás situacións baremables.

A adxudicación das prazas realizarase conforme ás bases da convocatoria: adxudicación directa cando o número de solicitudes non supere o das prazas ofertadas ou, no caso contrario, mediante baremo. Se as solicitudes exceden o número de prazas, aplicaranse criterios económicos —priorizando ás familias con ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM 2025, incrementado nun 15% no caso de familias monomarentais/monoparentais ou numerosas— e os criterios de valoración establecidos (situación laboral, monoparentalidade, número de menores solicitantes, familia numerosa, discapacidade na unidade familiar, renda familiar, vítimas de violencia de xénero, entre outros). En caso de empate, recorrerase a un sorteo público.

A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal www.aspontes.org. As familias disporán de 3 días hábiles para presentar reclamacións. Posteriormente publicarase a listaxe definitiva e, se procede, a lista de agarda.

A cota de inscrición establécese en 10 € por menor, segundo a Ordenanza n.o 11. O pagamento deberá realizarse no Servizo de Recadación municipal ou mediante ingreso bancario na conta indicada nas bases, achegando posteriormente o xustificante ao CIM de maneira presencial ou por correo electrónico (cim@spontes.org).

O Concello lembra que as baixas non ofrecerán devolución da cota e que se producirán nos casos recollidos nas bases: solicitude propia, falsidade documental, incompatibilidade con outras actividades no mesmo horario, falta de asistencia continuada sen causa xustificada ou incumprimento reiterado das normas. As prazas vacantes cubriranse coa lista de agarda.

Lea también

O Auditorio Cine Alovi das Pontes acolle a estrea absoluta de MONTE – Versión Estendida

O vindeiro 28 de febreiro, ás 20:00 horas, o Auditorio Cine Alovi acolle a estrea …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *