O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, pon en marcha unha nova edición do Reto Lector, unha iniciativa consolidada que celebra este ano a súa décima edición e que ten como obxectivo principal fomentar o hábito da lectura entre os usuarios e usuarias da biblioteca e entre toda a veciñanza interesada no mundo da literatura.
O Reto Lector converteuse ao longo destes anos nunha proposta de referencia dentro da programación cultural municipal. Tal e como explica Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura, “trátase dunha ferramenta clave para o fomento do hábito lector desde as idades máis temperás, xa que contribúe a espertar a curiosidade, a imaxinación e o pensamento crítico da rapazada, ao tempo que converte a lectura nunha actividade atractiva, lúdica e compartida”.
A concelleira destacou tamén a relevancia da iniciativa para a poboación adulta, sinalando que “ler non só é unha forma de lecer, senón tamén unha vía para a aprendizaxe continua, o benestar emocional e a participación cultural. O Reto Lector axuda a manter vivo o vínculo coa biblioteca, a descubrir novos xéneros e autores e a crear comunidade arredor dos libros”.
A iniciativa está dirixida tanto ao público infantil como ao público adulto, a partir dos 14 anos. Para completar o reto, as persoas participantes deberán ler 12 libros ao longo do ano, pertencentes ao fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal. No caso do público infantil, os títulos adaptaranse ás súas idades e intereses lectores.
Co obxectivo de facilitar a elección das lecturas, o Reto Lector estrutúrase en categorías temáticas, que permiten aos lectores e lectoras organizar as súas lecturas e o seu calendario da forma que lles resulte máis cómoda, sendo recomendable a lectura dun libro ao mes.
No Reto Lector Adulto 2026, as categorías inclúen propostas como a lectura dun libro aclamado pola crítica, un libro feminista, teatro, obras da editorial Galaxia, contido LGTBI+, títulos de autores e autoras da comarca, libros galardoados co Premio Pulitzer ou obras dun autor ou autora xa falecido, entre outras. Ademais, inclúese un reto bonus cun libro adaptado ao cinema, que conta como incentivo cun agasallo de dúas entradas de cine.
Pola súa banda, o Reto Lector Infantil 2026 propón categorías atractivas e adaptadas aos máis novos, como libros de piratas, emocións, monstros, fantasía, igualdade, detectives, cómics, biografías ou historias sobre o mar, incorporando tamén un reto bonus vencellado ao cinema.
“Despois de dez edicións, podemos afirmar que o Reto Lector é xa un proxecto plenamente consolidado nas Pontes, que nos permitiu incrementar o número de persoas socias da biblioteca, dinamizar fondos con poucos préstamos e, sobre todo, formar novos lectores e lectoras e recuperar o hábito lector en moitas persoas adultas”, concluíu Tenreiro.
Desde o Concello das Pontes anímase a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa que promove a lectura como ferramenta de lecer, aprendizaxe e encontro cultural, reforzando o papel da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco como un espazo dinámico, aberto e de referencia no ámbito cultural do municipio. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse directamente na Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
