Establécense un total de 15 categorías ás que de poden presentar candidaturas ata o 30 de xaneiro.
Este venres abriu o prazo de presentación das candidaturas aos IV Premios do Deporte Deputación da Coruña, unha iniciativa que ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor o labor de persoas e entidades deportivas da provincia que destacaron pola súa traxectoria, polos seus logros ou pola súa contribución ao fomento da práctica deportiva e da actividade física saudable ao longo do ano 2025.
O prazo para a presentación de candidaturas rematará o 30 de xaneiro ás 14:00 horas. As solicitudes deberán presentarse de xeito telemático a través da sede electrónica da Deputación da Coruña, segundo o procedemento establecido nas bases da convocatoria.
Poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan relación ou interese na práctica, promoción ou fomento do deporte na provincia da Coruña. Así mesmo, as persoas que formen parte do xurado poderán presentar candidaturas ao resto dos seus membros, dentro do prazo establecido.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que estes premios “son unha ferramenta fundamental para recoñecer o esforzo, a dedicación e os valores que transmite o deporte na nosa provincia”, e subliñou que “a Deputación quere dar visibilidade tanto ás grandes figuras deportivas como ao traballo silencioso de clubs, entidades, adestradores e persoas que fan posible que o deporte chegue a todos os recunchos da Coruña”.
Leira animou tamén á cidadanía e ao tecido deportivo provincial a participar nesta convocatoria: “Queremos que estes premios sexan un reflexo fiel da diversidade, do talento e do compromiso co deporte que existe na provincia, polo que convidamos a presentar candidaturas e a recoñecer exemplos que merecen ser postos en valor”.
Quince categorías de premios
Ao igual que en edicións anteriores, establécense quince categorías de galardóns, destinadas a recoñecer a excelencia deportiva e o compromiso co deporte en distintos ámbitos:
-
Mellor deportista feminina
-
Mellor deportista masculino
-
Mellor deportista veterana feminina
-
Mellor deportista veterano masculino
-
Mellor deportista promesa feminina categoría base
-
Mellor deportista promesa masculino categoría base
-
Mellor deportista con diversidade funcional feminina
-
Mellor deportista con diversidade funcional masculino
-
Mellor adestrador/a
-
Mellor árbitro/a ou xuíz/a
-
Mellor entidade colaboradora ou patrocinadora
-
Mellor evento deportivo
-
Mellor entidade na promoción e fomento do deporte de base
-
Mellor entidade na promoción e fomento do deporte inclusivo
-
Premio a toda unha vida dedicada ao deporte
Ademais destas categorías, o xurado poderá outorgar mencións especiais, a título individual ou colectivo, a aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación ou labor destacable no ámbito do deporte a nivel provincial.
Recoñecemento e gala final
Os premios non contan con dotación económica e consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, xunto co recoñecemento social que a Deputación da Coruña promoverá a través dos medios de comunicación e redes sociais.
Unha vez finalizadas as deliberacións do xurado, que estará composto por prestixiosos profesionais da información deportiva, a Deputación organizará no ano 2026 unha nova edición da Gala do Deporte, na que se convidará ás persoas e entidades participantes e se fará entrega oficial de todas as distincións ás persoas e entidades premiadas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
