Luz verde á creación do comité de sostibilidade turística no Xeoparque Cabo Ortegal

O seu regulamento interno foi aprobado na recente asamblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

A Asamblea da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal aprobou o regulamento interno do Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e do Desenvolvemento Local, un acordo que permite activar un novo órgano estábel de gobernanza para o turismo no territorio.

A creación deste comité enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, que ten como obxectivo o deseño e a posta en marcha dun produto turístico especializado no recentemente nomeado xeoparque mundial da UNESCO, apostando polo xeoturismo como eixo dunha estratexia de dinamización e desenvolvemento sustentábel.

O PSTD é froito do convenio subscrito entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña, que exerce como órgano executor dun proxecto composto por vinte e seis actuacións estruturadas arredor da transición verde e sostíbel, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a mellora da competitividade turística. O plan conta con financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Entre estas actuacións inclúese a implantación do sistema de indicadores turísticos ETIS e do modelo de xestión como Destino Turístico Sustentábel, co fin de dotar o Xeoparque dun sistema estábel de gobernanza turística e de ferramentas técnicas que permitan mellorar a planificación, a avaliación do impacto da actividade turística e a toma de decisións estratéxicas.

A aprobación do regulamento do comité produciuse nunha reunión en decembro con participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, as alcaldesas e alcaldes dos sete concellos integrados no Xeoparque, así como o equipo técnico da Asociación para a Xestión do Xeoparque e da consultora Hidria, responsábel da asistencia técnica do proxecto.

Coa creación deste comité estabelécese un órgano permanente de seguimento da sostibilidade turística e do desenvolvemento local, que favorecerá a coordinación entre os distintos axentes do territorio e unha xestión colaborativa do turismo. Tras esta aprobación, o proxecto entra xa na súa fase operativa, coa posta en marcha do sistema de indicadores e o inicio do proceso de implantación do modelo de xestión como Destino Turístico Sustentábel no Xeoparque Cabo Ortegal.

Lea también

La Habitación Roja celebra en Ferrol sus 30 años sobre los escenarios

La banda valenciana La Habitación Roja actuará este sábado 23 de mayo en el Teatro …