A investigadora, integrante do grupo Nanoself do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, recibiu o recoñemento nun acto celebrado este luns no Concello de Ferrol.

A investigadora Beatriz Galindo, Inmaculada Jennifer Gómez, do grupo Nanoself do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), recibiu este luns 29 de decembro o Premio de Investigación Ángeles Alvariño do Concello de Ferrol polo traballo “Nanomateriais sostibles para unha biomedicina do futuro: terapias avanzadas contra o Alzheimer e valorización de residuos”.
O traballo premiado céntrase no desenvolvemento de nanomateriais de carbono sostibles para aplicacións avanzadas en biomedicina, con especial atención ás enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer. A investigación aborda un dos grandes retos da farmacoloxía cerebral: a dificultade de atravesar a barreira hematoencefálica, que limita a eficacia dos tratamentos actuais.
A proposta baséase na síntese de nanomateriais de baixa dimensionalidade de carbono, coñecidos como carbon dots, nanopartículas de tamaño inferior a 10 nanómetros obtidas mediante procesos de química verde e valorización de produtos de refugallo. Estes nanomateriais caracterízanse pola súa alta biocompatibilidade, fluorescencia intrínseca e unha química superficial versátil, o que lles permite actuar como plataformas multifuncionais.
Resultados previos demostraron que este tipo de nanomateriais poden atravesar a barreira hematoencefálica e modular procesos clave asociados á neurodexeneración, como a excitotoxicidade neuronal ou a agregación de proteínas β-amiloide. O traballo premiado propón estender estes resultados a novos carbon dots obtidos a partir de residuos, avaliando se manteñen ou melloran estas propiedades funcionais.
A investigación integra así dúas liñas de actuación: o desenvolvemento de estratexias nanotecnolóxicas para enfermidades sen cura e a transformación de residuos industriais en materiais de alto valor engadido, situándose no ámbito da nanomedicina sostible.
O Premio de Investigación Ángeles Alvariño forma parte da convocatoria pública do Concello de Ferrol destinada a recoñecer traballos de investigación no ámbito das Ciencias.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.