Aprobada en As Pontes a primeira RPT da historia do municipio

Concello das Pontes

O Pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) da historia do municipio, marcando un momento histórico para a administración local. A RPT organiza a estrutura municipal, clarifica funcións e responsabilidades e garante unhas condicións laborais máis xustas para todo o persoal. Inclúe melloras salariais entre o 3,4% e o 6,6% e recoñece funcións que ata agora non estaban formalmente recollidas, asegurando unha distribución equilibrada e digna para o conxunto do persoal.

Durante a sesión plenaria, a concelleira responsable de persoal, Ana Pena, destacou que “coa aprobación definitiva desta RPT cúmprese unha demanda histórica e reflicte o espírito de colaboración co persoal e os seus representantes, que participaron activamente na súa elaboración e revisión. É un día histórico para As Pontes: permite modernizar a administración, mellorar as condicións laborais e reforzar a calidade dos servizos á veciñanza”.

A RPT inclúe o organigrama municipal actualizado, fichas descritivas de cada posto e unha valoración das funcións e responsabilidades, adaptando a administración ás necesidades actuais. Ana Pena engadiu que “esta ferramenta consolidará un cadro de persoal estable, profesionalizado e mellor organizado, garantindo que todos dispoñan dos recursos necesarios para desempeñar o seu labor con garantías”.

O alcalde, Valentín González Formoso. Archivo

Pola súa banda, o alcalde, Valentín González Formoso, subliñou que “a RPT permitirá organizar ao persoal, clarificar responsabilidades e mellorar a coordinación interna, repercutindo directamente na calidade dos servizos que recibe a veciñanza e cumprindo un compromiso histórico do equipo de goberno”.

Con esta aprobación, o Concello das Pontes dá un paso decisivo cara á profesionalización da administración local, á mellora das condicións do persoal e ao reforzo dos servizos públicos, avanzando cara a un modelo de xestión máis moderno, eficiente e transparente. A entrada en vigor da RPT coincidirá coa aprobación do orzamento 2026.

Lea también

La exposición ‘O Ferrol do pasado’ abrirá sus puertas este viernes en el Torrente Ballester

La historia de Ferrol será protagonista desde este viernes 20 de febrero hasta pasada la …