Narón ultima os preparativos da gran Festa de Fin de Ano na praza de Galicia

Narón despedirá o ano cunha gran festa colectiva baixo carpa na praza de Galicia, un espazo que volverá converterse no epicentro da celebración de Fin de Ano na cidade. O Concello ultima os detalles dun evento pensado para que veciñanza e visitantes dean a benvida ao novo ano nun ambiente seguro, acolledor e cheo de música.
 
 
A carpa, cunha capacidade para arredor de 4.000 persoas e entrada gratuíta ata completar capacidade, estará especialmente ambientada para a ocasión cunha coidada iluminación navideña que reforzará o carácter festivo da velada e fará do recinto un punto de encontro atractivo para toda a contorna. No interior habilitaranse dous escenarios enfrontados.
 
O espazo, duns 1.500 metros cadrados, contará con calefacción e servizo de gardarroupa, ademais de barras con prezos populares. Como é tradición, non faltará o chocolate quente para combater o frío das primeiras horas do Aninovo. A festa dará comezo ás 01.00 horas, cando tamén está previsto o lanzamento de fogos de artificio, e prolongarase ata as 6.00 da mañá.
 
Tras recibir 2026, o protagonismo musical será para a orquestra Trébol, unha formación coñecida polo seu estilo festivo e polivalente, cun repertorio que mestura grandes éxitos do pop e do rock estatal e internacional con música pensada para o baile e a diversión interxeracional. A continuación actuará o grupo Alkar, especializado en música de verbena e ritmos actuais, cunha proposta dinámica centrada nos temas máis soados do momento e unha posta en escena pensada para manter o público na pista ata ben entrada a madrugada. A seguridade será outro dos eixos da celebración.
 
O recinto contará cun posto de Protección Civil que velará durante toda a noite polo benestar das persoas asistentes, en coordinación cos servizos municipais, para garantir que a festa se desenvolva con normalidade. Como complemento, o aparcadoiro subterráneo do Centro Comercial Narón permanecerá aberto durante toda a noite e permitirá estacionar os vehículos de maneira gratuíta, facilitando así os desprazamentos e o acceso á praza de Galicia.
 
Con esta proposta, o Concello aposta por unha despedida do ano aberta, de balde e pensada para todos os públicos, consolidando unha cita que cada Nadal reúne a milleiros de persoas no corazón de Narón.

Lea también

Edu Pereira recibió el reconocimiento del Concello de Ferrol por su segundo Premio Goya de fotografía

El fotógrafo ferrolano Edu Pereira era galardonado el pasado sábado 7 en Zaragoza con el …