O Concello de Ferrol fixo entrega do XXII Premio Carvalho Calero nun acto presidido polo alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, que se desenvolveu no teatro Jofre.
Os gañadores desta edición foron Francesco Martín Traficante Pérez na categoría de Investigación lingüistica ou ensaio con O galego lingua nacional… ou lingua autonómica?, mentres que o gañador na rama de Creación literaria foi Lourenço Álvarez Ruiz con O portão verde.
O rexedor felicitou aos gañadores, así como aos autores dos outros 61 traballos que concorreron.
Así mesmo, Rey Varela puxo en valor a recuperación deste certame, tras oito anos sen convocatoria, asegurando que este premio “volve ocupar o lugar que merece no panorama cultural ferrolán e galego, e que non é outro que o de ser un espazo de recoñecemento, reflexión e compromiso coa nosa literatura”.
Retomar a celebración deste premio “reafirma a vontade de Ferrol de ser unha cidade activa culturalmente”, engadiu.
O acto serviu tamén como homenaxe á figura de quen dá nome ao premio, un dos máis ilustres ferroláns, Ricardo Carvalho Calero, escritor, profesor universitario e Fillo predilecto da cidade; motivo polo cal tamén se deron cita no Jofre a súa filla, María Victoria Carvalho Calero, o lingüista Xosé Martinho Montero Santalha, a ex alumna e amiga da escritor, Delia Vázquez Vázquez, e o concelleiro de Cultura de Ferrol, José Antonio Ponte Far.
Tras as intervencións de todos eles, Rey Varela enxalzou a Carvalho Calero como “un home que entendeu a palabra como ferramenta de pensamento e que nos ensinou que a cultura non é un complemento, senón unha responsabilidade”. “Continuamos o legado que deixou entendendo que o futuro constrúese tamén desde a palabra”, concluíu o alcalde.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


