Neda subirase ao bus do teatro para desfrutar da nova versión de “Memorias dun neno labrego”

Os veciños que queiran conseguir unha das 17 prazas para viaxar gratis ao espectáculo deberá anotarse dende o luns na biblioteca.

Neda participará o sábado 10 de xaneiro no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego (CDG), que permitirá que veciños  de distintos puntos de Galicia poidan viaxar gratis a Santiago para desfrutar da súa nova produción, xunto á compañía contraproducións, a obra “Memorias dun neno labrego”, inspirada na célebre novela de Xosé Neira Vilas.

O prazo para anotarse a “Sobes ao bus do teatro?” comeza o vindeiro luns na biblioteca municipal.

En virtude do acordo entre o CDG e o Concello, os nedenses terán á súa disposición un total de 17 prazas de balde dentro desta iniciativa.

A proposta facilitará a viaxe a coste cero ata a capital galega para asistir no Salón Teatro ao espectáculo, con texto e dirección de Cándido Pazó, que conmemora o décimo aniversario do pasamento do escritor que mellor retratou a vida do rural galego e da emigración.

As persoas que queiran asistir á función (10 de xaneiro, ás 18 horas) deberán achegarse á biblioteca municipal entre o 29 de decembro e o 8 de xaneiro para reservar praza no bus, e aboar os 5 euros de entrada para gozar dunha nova versión desta novela de referencia na historia da literatura galega.

Dende o Concello apuntan que o bus fará parada diante da Casa do Concello ás 15:45 horas, e que sairá de volta ás 20:15 horas. As prazas  adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.

Pazó leva á escena os episodios máis representativos da icónica novela do autor de Vila de Cruces, que marcou varias xeracións lectoras.

No espectáculo, as lembranzas de Balbino, o rapaz da aldea, presentaranse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e dunha relación directa e amena co público.

Lea también

O BOP publica as bases de sete premios culturais da Deputación cunha dotación total de 95.000€

Sete convocatorias abertas para impulsar a creación artística en artesanía, cinema, banda deseñada e literatura. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *